Pontevedra e Villalonga solicitan aprazar o seu partido polo mal estado de Pasarón
Por Ramiro Espiño
A celebración do Pontevedra-Villalonga en Pasarón, o próximo domingo, podería estar no aire a causa das intensas chuvias caídas nas últimas horas. De feito, os responsables do campo pontevedrés confían en que a drenaxe realice a súa función, se remite a intensidade das precipitacións de aquí ao domingo. Pero a súa preocupación radica nas consecuencias que podería carrexar a disputa do partido para o estado do céspede, que podería resultar seriamente danado para o resto da tempada, ademais da perigosidade para os propios xogadores.
De feito, os dous adestradores, Milo Abelleira e Jacobo Molina, comprobaron persoalmente o mal estado actual do campo, e inmediatamente chegaron ao acordo de que o mellor sería solicitar un aprazamento e non xogar o partido este domingo.
Dende o consello de administración do Pontevedra puxéronse en contacto co Villalonga, de forma oficial, encontrando moi boa disposición e total colaboración, ao entender as circunstancias. Por iso, dirixíronse á Federación Galega de Fútbol, solicitando o aprazamento do partido. Na Federación entendéronse os argumentos expostos por ambos os dous clubs, pero terá que ser a xuíza única de competición quen definitivamente conceda o aprazamento, esperando que ao longo da tarde do venres chega a resposta definitiva.
Esta situación está a afectar tamén aos adestramentos do equipo granate, que tampouco puido traballar en Príncipe Felipe, e que hoxe o fará en Pasarón, pero só no aspecto físico, na bancada e nos baixos do estadio.
Pero non foi o céspede a única zona afectada polo temporal, se non que a zona destinada a lavandaría e outras dependencias, ademais de diversas instalacións, sufriron as consecuencias das chuvias, mesmo con filtracións, que nalgúns casos poden poñer de manifesto preocupantes deficiencias nunha obra tan recentemente finalizada.