Cristóbal Juncal, Santi Domínguez e Moisés Pereiro abandonan o adestramento do Pontevedra con problemas físicos
Por Ramiro Espiño
Accidentada sesión de adestramento a que realizou o Pontevedra no campo da cidade infantil Príncipe Felipe, no primeiro ensaio preparatorio para o partido do próximo sábado fronte ao Narón Balompie. A medida que ía transcorrendo o ensaio os problemas físicos foron acumulándose e o técnico, Milo Abelleira, tivo que ver como tres dos seus xogadores titulares no partido pasado fronte ao Céltiga, tiñan que retirarse anticipadamente ao vestiario como consecuencia de distintos contratempos.
Santi Domínguez abandonou a sesión con molestias nos abdutores. En principio a súa situación non debería ir máis alá dun lixeiro descanso e Milo confía en telo a punto para o sábado. Moisés Pereiro recibiu un golpe nun encontrón fortuíto, decidindo rematar o ensaio por precaución, confiando en que mañá ou pasado poida traballar con normalidade.
A peor parte levouna o defensa Cristóbal Juncal, que realizou unha dolorosa torsión e será examinado mañá, xoves, ás catro e media, polo médico do club, Alberto Domínguez, para determinar o estado do seu maltreito xeonllo. Esta situación fai que o seu concurso fronte ao Narón se antolle complicado.
O ensaio do xoves cambia de escenario. Milo lévase os seus homes a Pasarón, onde adestrarán dende as cinco da tarde.