Máis de 5.000 atletas bótanse á rúa nunha impresionante San Silvestre pontevedresa
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot
Nin chuvia, nin frío. O protagonismo foi este ano para os atletas, que converteron as rúas de Pontevedra nun impresionante espectáculo de cor e alegría para despedir o ano na xa tradicional San Silvestre, que nesta XXXI edición, baixo a organización da Sociedad Gimnástica, e quizais polas excelentes condicións meteorolóxicas que reinaron na tarde, pulverizou todos os rexistros de participación.
En total calcúlase en máis de 5.000 os atletas que tomaron a saída ás cinco en punto da tarde deste mércores, na pontevedresa avenida de Montero Ríos. Con preto de 4.000 números oficiais retirados, superando en máis de 1.000 os 2.939 que foran entregados na edición do pasado ano.
A eles hai que sumarlles ao redor de 1.000 persoas máis que se calcula fixeron a carreira sen formalizar previamente a inscrición, xa que era incesante o paso de atletas sen portar o número correspondente, elevando o número a eses máis de 5.000 participantes entre pontevedreses e atletas chegados de numerosas localidades de Galicia.
Como sempre, ademais da competición, a nota principal foi o bo humor, reflectido nas pintorescas indumentarias que exhibiron moitos dos participantes, entre os que estaba unha representación do corpo de bombeiros da cidade, ataviados co seu equipo completo de intervención, de algo máis de 20 quilos de peso, para pedir a colaboración co Banco de Alimentos.
Ás cinco da tarde o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, daba a saída, como sempre ante numeroso público que dende bastante antes gozaba coa animación existente na zona.
Tamén como é habitual, na primeira liña os atletas que saían a disputar a carreira. Tal era a cantidade de participantes, que transcorreron máis de cinco minutos dende a saída ata que os últimos puideron iniciar o percorrido.
Os catro quilómetros de que constaba a carreira, dende a saída na avenida de Montero Ríos, discorreron polas rúas Riestra, Oliva, García Camba, Andrés Muruáis, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, praza da Liberdade, Raíña Victoria, Alameda, Doutor Enrique Marescot, Xeneral Martitegui, Concepción Areal, Condesa Pardo Bazán, Arcebispo Malvar, praza do Peirao, Barón, Enfesta de San Telmo, rúa da Ponte, Celso García de la Riega, Valentín García Escudero, Serra, avenida de Bos Aires, Irmáns Sobriño Buhigas, Cruz Vermella, Álvaro Cunqueiro, Santa Clara, Sarmiento, praza da Verdura, Sarmiento, Méndez Núñez, Sarmiento, Real, Curros Enríquez, Soportais, Paseo Antonio Odriozola, praza da Peregrina, Michelena, Gutierrez Mellado, Riestra e de novo na avenida de Monteiro Ríos onde estaba instalada a meta.
E por undécimo ano consecutivo o primeiro en cruzar a liña de meta, cun tempo lixeiramente inferior aos 11 minutos foi Víctor Riobó, que segue intratable nesta proba, seguido nesta ocasión por Antonio Serrat e por Pablo García.
Tamén repetiu vitoria en categoría feminina Leticia Fernández, que logra así o seu terceiro triunfo seguido. Tras ela entraron Joselyn Brea e Barca Toba.
Relacionadas:
-
Máis de 1.500 inscritos na San Silvestre e subindo
Por Redacción |
-
A San Silvestre pontevedresa quenta motores e prepárase para abrir inscricións
Por Diego Espiño |
-
Operativo de tráfico pola Carreira Popular San Silvestre 2014
Por Redacción |
-
Os Bombeiros de Pontevedra apúntanse á San Silvestre por unha boa causa
Por Diego Espiño |
-
4.439 inscritos para unha San Silvestre de récord
Por Redacción |