O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra entrega os seus premios nunha gala
Por Redacción
O mundo do deporte vestirase de gala este sábado 27 de decembro. A Concellaría de Deportes organiza a partir das 12.00 horas a cerimonia de entrega dos premios aos gañadores do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP).
O acto realizarase no auditorio do Pazo da Cultura e ao mesmo xa foron convocados por correo electrónico todos os corredores participantes no circuíto. A entrega estará presidida polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, impulsor desta iniciativa destinada a fomentar o deporte popular en Pontevedra, e o presentador será o xornalista de PontevedraViva Ramiro Espiño.
A gala deste sábado servirá para a entrega dos trofeos aos tres primeiros clasificados nas categorías Absoluta, Senior e sete grupos de Veteranos en función das idades. Con eles recibirán recoñecemento os tres primeiros da compensada en categorías feminina e masculina e tamén o mellor equipo. Os tres primeiros das absolutas e o mellor equipo recibirán tamén un cheque de compra no comercio local.
O circuito tivo na súa segunda edición un total de 263 inscritos, cun crecemento superior aos 50 corredores sobre a primeira. A Concellería de Deportes segue a insistir na necesidade de crecer máis para que a actividade cobre todo o impulso que precisa e márcase como reto acadar os 500 atletas.
Agustín Fernández subliña que o Circuíto de Carreiras Populares é unha liga singular en Galicia porque inclúe un programa de seis carreiras (incluído un medio maratón) que se poden correr cunha inscrición única de 35 euros, mentres que outros circuítos obrigan a tramitar as inscricións proba a proba e cuns prezos moi superiores.
Ademais, Pontevedra foi pioneira na introdución dunha clasificación compensada por idades e este ano introduciuse a novidade dunha clasificación por equipos formados por 12 corredores. A relación completa de gañadores do CCCP pode consultarse neste enlace.
Relacionadas:
-
O Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra entrega os premios da súa segunda edición
Por Redacción |
-
Haberá terceira edición do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra en 2015
Por Diego Espiño |
-
Robertas Geralavicius vence nun animado Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
Iván Docampo e Leticia Fernández gañadores da Pontenoite 5+5
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |