Pasarón apúntase ao fútbol solidario
Por Diego Espiño
"Partido compartido" é a iniciativa que pon en marcha o Pontevedra Club de Fútbol en colaboración co Concello para recoller xoguetes, roupa e alimentos que se repartirán a través de Redeaxuda.
O clube pretende pór o seu granito de area nas festas prestando as súas instalacións e animando aos seus afeccionados a que se sumen a esta campaña, como recoñece o presidente granate Mauricio Rodríguez, "non é necesario traer nada, pero pedimos á xente que poida que colabore dentro das súas posibilidades".
Habilitarase un espazo para depositar as doazóns no mesmo estadio os días de partido ata o 13 de xaneiro (ante Villalonga, Deportivo B e Rápido de Bouzas). Ademais, todo o que o desexe poderá facer doazóns nas oficinas de Benito Corbal ou directamente na Casa Azul.
Será, para a concelleira de Benestar Social Carmen Fouces, unha boa oportunidade para gozar do deporte, "é un bo momento para que a xente que habitualmente non vai ao Pontevedra vaia ao estadio, vexa un bo partido e colabore".