O deporte universitario vístese de "Gala" en Pontevedra
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O Centro Social Afundación de Pontevedra foi o escenario elixido pola Universidade de Vigo para celebrar a XXIII Gala do Deporte Universitario, un escenario que se quedou pequeno na tarde deste xoves e no que se rendeu homenaxe aos deportistas máis destacados da institución académica, ademais de efectuar un recoñecemento ao esforzo e traxectoria de diferentes persoas e entidades, alleas á Universidade, coa práctica do deporte e a difusión dos seus valores.
Foi un acto aberto a todo o público, organizado polo Servizo de Deportes xunto coa Vicerrectoría do campus de Pontevedra. Como mestre de cerimonias exerceu o xornalista Xabier Fortes, actuando como padriño o director deportivo do equipo ciclista SuperFroiz, Evaristo Portela.
A Gala deste ano estivo dedicada a recordar a figura do médico e profesor Juan José Crespo, falecido o pasado 31 de marzo. Crespo era profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, ademais de responsable das Unidades de Mediciña Deportiva da Universidade.
Entre os premiados distinguiuse aqueles estudantes e equipos que realizaron un papel destacado nos campionatos de España universitarios o pasado curso 2013/2014. Asímismo, tamén se entregaron os "V Premios á Excelencia Deportiva", que se outorgan tendo en conta tantos os resultados nas competicións como os expedientes académicos, coa idea de premiar aqueles estudantes que mellor souberon compaxinar ambas as dúas facetas.
Os taekwondistas Anxo Parada e Lara Ouviña, a loitadora Noelia Lalín, a triatleta Aida Valiño, o nadador Marc Ciurana e o atleta Carlos Revuelta, foron os seis estudantes premiados con esta distinción. Xunto a eles tamén se recoñeceu a traxectoria do profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Joaquín Dosil, e da egresada Susana Rodríguez Gacio.
Pero os recoñecementos non se limitaron á comunidade universitaria, senón que se fixeron extensivos a outras persoas coa finalidade de recoñecer co "III Premio Vida" a traxectoria do preparador físico e docente pontevedrés Antonio Puga, pola súa dilatada implicación co deporte, así como o traballo realizado por Aspace Galicia, na utilización do deporte como vehículo de integración social, neste caso outorgándolle o "III Premio Valor Solidario".