Marcos Dorado pérdese o próximo partido do Teucro por unha fisura no nariz
Por Redacción
Quique Domínguez non poderá contar con Marcos Dorado no último partido na casa do ano para o lider da División de Honra Prata.
Un golpe no nariz na primeira parte do choque en Bordils provocará o descanso do pivote na visita do Amenabar Zarautz ao Pavillón Municipal dos Deportes (sábado ás 20:00 horas).
As probas ás que foi sometido Dorado descartan unha rotura do tabique nasal, pero revelan unha fisura que desaconsella nos próximos días realizar calquera exercicio que poida supoñer un contacto ou risco de impacto na zona afectada.
RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS E REBAIXA NAS ENTRADAS
Coincidindo co partido ante o Zarautz o club azul decidiu organizar unha recollida solidaria de alimentos en beneficio do Comedor Social de San Francisco.
Por ese motivo os afeccionados que acudan ao pavillón con polo menos dous quilos de alimentos non perecedoiros poderán retirar a entrada do choque a metade de prezo, 5 euros.