Unha máis: O Teucro imponse nun final impresionante (26-30) ao Handbol Bordils
Por Redacción
Partido de alternativas constantes que se resolveu nos últimos dez minutos. O Teucro brillou en defensa e estivo serio, intenso e concentrado nos instantes claves, superando os arreons do conxunto catalán, que non se deu por vencido ata o final. Os azuis seguen contando os seus partidos por vitorias e suman o seu décimoprimer triunfo nunha pista das máis complicadas da categoría.
Dende o comezo o Teucro levou a iniciativa, se ben con curtas vantaxes que nunca superaron os dous goles, ata que a exclusión de Gonzalo Carró (minuto 21) permite aos locais dar a volta e poñerse por diante por primeira vez no partido.
Con 10-9 Quique Domínguez pide un oportuno tempo morto (minuto 25) e o seu equipo reacciona volvendo tomar a dianteira. Víctor Rodríguez, Gonzalo Carró e Edu Moledo conseguen marcar e cun parcial de 0-3 o Teucro faise de novo co mando, ata que a segunda exclusión de Gonzalo Carro frea a súa progresión, á vez que limita a achega defensiva do pivote azul.
Nada máis comezar a segunda parte o Teucro volve sufrir unha exclusión, agora a de Borja Pedreira, que fai que perda a vantaxe de dous goles que gozaba. E por segunda vez no partido os locais adiántanse (19-18, minuto 39).
De novo intervén Quique Domínguez parando o partido. Á saída do tempo morto Carlos García devolve a igualdade ao marcador e Edu Moledo adianta aos azuis, xusto antes de que a exclusión lle toque a un xogador catalán, Josep Reixach. Aprovéitano os teucristas, que repiten outra vez por medio de Carlos García e Edu Moledo para asinar un parcial de 0-4 que lles dá a máxima vantaxe ata o momento do partido (19-22, minuto 45) provocando que sexa o técnico local quen pida tempo morto.
E tamén lle funciona. Agora é o Bordils o que logra un parcial de 4-0 que lle pon outra vez un arriba no electrónico e pasa a "pelota" ao banco contrario, no que Quique Domínguez se ve obrigado a esgotar os seus tempos mortos.
As alternativas sucédense e as diferenzas mínimas tamén. A falta de 11 minutos mandaban os locais dun (24-23). García Pichel e Dani Hernández, este con dous goles consecutivos, asumen a responsabilidade do lanzamento e o Teucro volve mandar, agora con apenas oito minutos de xogo por diante.
Masmiquel lanza fóra e David Chapela completa outro parcial favorable de 0-4 que devolve o Teucro a súa máxima diferenza (24-27) a falta de seis minutos.
Nun partido cheo de alternativas, os azuis sentencian cun parcial de 0-6 nos últimos dez minutos
Quenda para o técnico catalán que tamén esgota os seus tempos mortos, buscando unha reacción á desesperada. Esta vez non lle serve. Eduard Nono falla no seu lanzamento e David Chapela e Dani Hernández fan subir o 24-29 (parcial 0-6) ao luminoso. Sería definitivo, sen que a exclusión final do propio Dani Hernández a falta de algo menos de tres minutos servise para outra cousa que a estatística.
HANDBOL BORDILS (26): Jordi González, Joan Comas (p.s.); Marc Canyigueral (4), Marc Combis (1), Gerard Farreróns, Esteve Ferrer (3), Oriol Márquez (1), David Masmiquel (4), David Maso, Ignasi Moreno (1), Eduard Nono (8), Marc Prat (1), Josep Reixach, Francesc Reixach, Joan Vilanova e Dalmau Huix (3).
SD TEUCRO (30): Ricardo Amérigo, Iago Gómez (p.s.); Gonzalo Carró (2), David Chapela (2), Marcos Dorado, Borja Pedreira (2), Carlos García (6), David García Pichel (6), Dani Hernández (5), Edu Moledo (5), Adrián Pumar (1), Víctor Rodríguez (1), Iván Fernández e Carlos Pombo.
Árbitros: Jordi Ausas Busquets e Miquel Florenza Virgili (Cataluña), excluíron por dous minutos a Marc Prat e Josep Reixach, polo Handbol Bordils e a Gonzalo Carró (2), Borja Pedreira e Dani Hernández, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 1-2, 4-6, 6-7, 8-9, 10-9, 11-13 (descanso), 15-16, 19-18, 19-21, 24-24, 24-27 e 26-30 (final).
Incidencias: Palau Municipal d'esports "Blanc i Verd" (Bordils-Girona). Uns 650 espectadores.
Relacionadas:
-
Paga o Teucro os seus erros defensivos coa primeira derrota da tempada (41-33) en Barcelona
Por Redacción |
-
O Teucro, a evitar o exceso de confianza na visita do Amenabar Zarautz
Por Diego Espiño |
-
Marcos Dorado pérdese o próximo partido do Teucro por unha fisura no nariz
Por Redacción |
-
Con optimismo pero con respecto, o Teucro visita a complicada pista do Handbol Bordils
Por Redacción |
-
Exhibición para a "décima" do Teucro (30-21) que esnaquiza o Go Fit abrindo oco como líder
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |