Abre o prazo para inscribirse na tradicional carreira de San Silvestre de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Queres despedir o ano facendo deporte? Pois vaite preparando, porque xa comezaron os preparativos para a tradicional carreira de San Silvestre. Como ven sendo habitual esta proba, organizada pola Sociedad Gimnástica de Pontevedra e o Instituto Municipal de Deportes, celebrarase o próximo día 31 de decembro, mércores, a partir das 17.00 horas e con saída e chegada na avenida de Montero Ríos.
A carreira, na que poderán participar persoas de todas as idades, contará con un percorrido de 3.940 metros polas rúas da cidade.
Tras saír de Montero Ríos, os corredores pasarán por Riestra, Oliva, García Camba, Andrés Muruáis, praza de Galicia, Augusto García Sánchez, praza da Liberdade, Raíña Vitoria, Alameda, Xeneral Martitegui, praza Concepción Arenal, Pardo Bazán, Arcebispo Malvar, praza do Peirao, Barón, Enfesta de San Telmo, rúa da Ponte, praza Celso García De La Riega, Valentín García Escudero, Serra, avenida de Bos Aires, Irmáns Sobrino Buhigas, Cruz Vermella, Padre Amoedo, Sarmiento, praza Méndez Núñez, Real, praza Curros Enríquez, Soportais, Ferrería, praza da Peregrina, Michelena, praza de España e Montero Ríos.
Para participar na San Silvestre pontevedresa é obrigatorio contar con dorsal. E para iso haberá que inscribirse na web www.sgpontevedra.com. O prazo remata o próximo 26 de decembro, ás 22.00 horas. Os dorsais recolleranse a partir do sábado 27.
Reforzando o carácter festivo da carreira, recordan que está permitido acudir disfrazado e, de feito, ademais dos premios deportivos para os tres primeiros clasificados nas categorías masculina e feminina, tamén haberá premios para os mellores disfraces individuais e colectivos.
A organización da proba anima a todos os participantes a colaborar na iniciativa social que se impulsará ese mesmo día. Solicitan que todos acudan con produtos de alimentación, preferentemente leite, aceite ou non perecedoiros; que posteriormente serán doados ao Banco de Alimentos de Pontevedra, para o seu reparto entre as ONG da comarca e atender así ás persoas que o precisen.
Ademais, a San Silvestre contará con varias actividades paralelas como unha masterclass de zumba, que impartirá a monitora Carla Novoa, a partir das 16.15 horas; ou unha marcha nórdica, que sairá ao final do pelotón da carreira pedestre.
Relacionadas:
-
4.439 inscritos para unha San Silvestre de récord
Por Redacción |
-
A San Silvestre supera xa os 2.500 inscritos
Por Redacción |
-
Superar a barreira dos 3.000 participantes, obxectivo da XXXI edición da San Silvestre
Por Diego Espiño |
-
Haberá terceira edición do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra en 2015
Por Diego Espiño |
-
Saúde, quilómetros e zapatillas
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Robertas Geralavicius vence nun animado Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |