O Supermercados Froiz agranda a súa historia ao gañar por quinto ano o ranking español de elite e sub 23
Por Redacción
O Grupo Deportivo Supermercados Froiz converteuse, por quinta vez consecutiva, no mellor equipo español de ciclismo da categoría elite e sub 23 tras pecharse o ranking español da tempada, outorgándolle o triunfo cunha renda de 782 puntos con respecto ao segundo clasificado, que unha vez máis é a Valencia Terra i Mar.
O Froiz xa fixera historia a pasada tempada ao converterse no primeiro equipo en gañar o ranking en catro ocasións consecutivas e agora faise lendario ao lograr o quinto triunfo tras unha apaixonante tempada. Gañou o ranking con 2.696 puntos, mentres que a Valencia, que tamén por quinto ano repite o segundo posto, alcanzou 1.914, a terceira posición é para o Azysa navarro con 1.748, a cuarta para o Caixa Rural con 1.709 e a quinta para o Mopesa con 1.278.
Dende o mes de xullo os alimenticios mandaban no ranking despois de que na actualización de xuño se erguesen á segunda posición tras mellorar tres postos debido ao excepcional mes de maio e principios de xuño que fixeron. Adxudicáronse a Volta á Coruña e foron protagonistas na Volta ás Comarcas de Lugo.
Durante este período de tempo a escuadra que dirixe Evaristo Portela sumou sete triunfos, sen ter en conta o obtido no Gran Premio Abimota disputado en Portugal e que non puntúa para o ranking. O conxunto alimenticio non soamente se colocou segundo senón que se situou a tan só 22 puntos do primeiro clasificado que era o Azysa. O Froiz foi o claro protagonista dese período maio/xuño xa que acumulou máis de 500 puntos, o que lle permitiu ter 1.017 mentres que o líder tiña 1.039.