Rafael Louzán confirma a súa candidatura á presidencia da Federación Galega de Fútbol
Por Alejandro Espiño
Non a presentou fisicamente, farao nas próximas horas, pero a decisión xa está tomada. Rafael Louzán será candidato á presidencia da Federación Galega de Fútbol. Así o confirmou este martes o propio interesado. Entende que, unha vez que abriu o prazo para presentar as candidaturas, "era o momento" de anuncialo formalmente. En calquera momento, sinalou, "farémola efectiva".
Louzán manterá este martes unha reunión cos clubs da delegación territorial de Pontevedra para explicarlles "por que imos estar aí, intentando defender os intereses do fútbol galego", cunha especial dedicación, dixo, cara ao fútbol base, feminino e o fútbol sala que, a partir de xaneiro, se integra dentro desta federación. Cara a esta disciplina haberá, asegurou, unha "sensibilidade especial".
Este encontro repetirase este mércores cos asembleístas que representan os clubs da delegación territorial de Vigo e, sucesivamente ata o 18 de decembro, día no que se votará ao novo presidente, Louzán reunirase con todos os representantes de clubs, adestradores, xogadores e árbitros do resto da comunidade galega.
O actual presidente da Deputación de Pontevedra confirmou que decidiu dar o paso ante a "ampla petición" que lle fixeron os clubs da provincia. Buscaban, explicou, unha persoa "que tivera coñecemento da xestión dunha administración" e el aceptou o desafío. Asúmeo como un "novo reto" e disposto a abrir unha etapa de renovación á fronte desta federación, algo que "creo que debe producirse".
Louzán indicou que na Federación Galega de Fútbol "hai un traballo feito que vamos a intentar mellorar" e recordou que se trata do deporte cun maior número de licenzas federativas en Galicia, máis de 60.000, que a sitúan como a cuarta máis numerosa de toda España. Neste sentido, avanzou que un dos eixes da súa xestión será intentar dotar a toda a comunidade dunhas instalacións "dignas" para a práctica deste deporte.
O presidente da Deputación non desvelou máis detalles sobre esta candidatura, entre eles quen será as persoas que o acompañarán nesta nova responsabilidade se os asembleístas da federación lle dan a súa confianza. Terá un único rival, o actual presidente José García Liñares, despois de que o outro aspirante, Juan Vázquez, anunciara nas últimas horas a retirada da súa candidatura.