Lourdes Domínguez vende cara a súa derrota en Pekín ante a polaca Agnieszka Radwanska
Por Redacción
A tenista pontevedresa Lourdes Domínguez perdeu contra a polaca Agnieszka Radwanska, terceira do ránking WTA e terceira cabeza de serie do torneo, por 2-6, 6-1 e 6-4 na terceira rolda (oitavos de final) do aberto de tenis de Beijing.
Lourdes comezou irresistible no primeiro set, logrando un parcial favorable de 4-0 en tan só 14 minutos grazas a un xogo contundente que provocou unha elevada cantidade de erros non forzados de Radwanska, quen a pesar de mellorar o seu xogo puido evitar o merecido 6-2 a favor da pontevedresa.
No segundo set a polaca devolveulle o parcial de 4-0 inicial, un resultado que Lourdes non foi capaz de remontar para rematar cun contundente 6-1 a favor de Radwanska.
O terceiro e decisivo set viviu continuas roturas de servizo para ambas as dúas xogadoras, pero finalmente, a balanza inclinouse cara ao lado da tenista polaca, que conseguiu romper o servizo de Lourdes no tantas veces decisivo noveno xogo. Co 5-4, a terceira mellor xogadora do mundo a día de hoxe só tivo que manter o seu servizo para adxudicarse o partido na primeira pelota de partido da que dispuxo.
Lourdes Domínguez, que ocupa o posto 64 no ránking mundial de WTA, chegou á terceira rolda tras derrotar a italiana Roberta Vinci e a inglesa Laura Robson, e asina así o seu mellor papel en Beijing das tres veces que participou.
O aberto de China, dos circuítos ATP e WTA, está dotado con 6,6 millóns de dólares en premios e dispútase no Centro Nacional de Tenis, que en 2008 foi sede do torneo olímpico de Beijing.