O pontevedrés Pablo García Castro, gañador do Memorial Ramón Escudeiro de xadrez
Por Alejandro Espiño
Pablo García Castro, mestre internacional do equipo Universidade de Vigo, aínda que peza crave no organigrama do club Escola Xadrez Pontevedra, proclamouse triunfador do Memorial Ramón Escudeiro de xadrez que, desde o pasado mércores, disputaron no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra un total de 86 xadrecistas.
Á última rolda chegaban o ourensán Marcos Lorenzo Durán con 5'5 puntos, seguido do citado Pablo García Castro, Victor Alonso Macias e Pablo Martinez Rodríguez os tres con 5 puntos. Estableceuse entón un duelo entre Pablo García e Marcos Lorenzo, e polo outro lado na mesa xogaban Victor Alonso e Pablo Martínez.
Terminou primeiro a mesa 2 con vitoria do salmantino Pablo Martínez, quen soubo aproveitar o final de peóns para derrotar ao mozo xogador do Karpov de Pontevedra. Na mesa 1 a partida foi máis longa, preto de 4 horas de partida fixéronlle falta a Pablo para derrotar a Marcos. Conseguiuno logo de quedar con peza de máis nun final moi igualado.
Na categoría amateur a vitoria foi para o xogador da ONCE de Baleares Alejandro Martínez Colomar, cun total de 5 puntos sobre 7 posibles. No resto de categorías os resultados foron os seguintes: Sub 8 campión Juan Manuel Martínez Montez de Escola Xadrez Pontevedra, en sub 10 campión foi Martín Carreño do Xadrez Ourense, en sub 12 vitoria de Pablo Ferreiro de Escola Xadrez Pontevedra, sub 14 foi Alejandro García do Xadrez Marín e en sub 16 o campión foi Antonio Vázquez do CD Portas.
Tamén se premiou á mellor partida de ataque, e de entre as posibles candidatas escolleuse, dentro dun xurado formado por Grandes Mestres como Ivan Salgado, Alejandro Hoffman, Strickovich, Zenón Franco, a revista Jaque e o periodista de El País Leontxo García, á partida que xogou Pablo Martínez.
Os premios consistiron en pezas de cerámica para os gañadores, elaboradas en Estremadura por un prestixioso ceramista. Tamén se entregou material didáctico para os máis pequenos e premios en metálico para os gañadores da xeral.
Na clausura do torneo vivíronse momentos moi emotivos. Arroupando aos familiares de Ramón Escudeiro estiveron, entre outros, o alcalde Miguel Fernández Lores, a deputada Ana Isabel Vázquez ou a directora do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra. Todos eles apoiaron a intención do club Escola Xadrez Pontevedra e do Casino Mercantil de Pontevedra de continuar en anos sucesivos coa celebración, por estas datas, deste memorial.