Javi Pazos rescata un merecido punto para o Pontevedra B fronte ao líder Cultural Areas
Por Ramiro Espiño
Chegaba o líder ao sintético da Xunqueira e facíao nun mal momento para o Pontevedra B, que afrontaba o partido coa ausencia das súas dúas centrais titulares, Cristóbal Domínguez e Yago Vázquez, expulsados a xornada anterior en Lalín, pero o león non foi tan fero como se esperaba e os visitantes en absoluto acreditaron a súa condición de primeiro clasificado, sendo atuados e mesmo superado polos homes de Manu Fernández, que mesmo fixeron méritos, por ocasións, para levarse non só o empate se non mesmo a vitoria.
Iso si, cando un equipo comanda a clasificación a estas alturas da tempada adoita ser por moitas razóns, entre as cales tamén a miúdo está presente unha importante dose de fortuna. Unicamente este feito pode explicar que o Pontevedra B tivese que esperar ata o tempo engadido (minuto 94) para conseguir o empate e salvar un punto.
A primeira parte foi absolutamente insulsa. Sen ocasións de perigo en ningunha das dúas áreas, o Pontevedra B xogaba coa precaución lóxica do respecto que lle inspiraba a condición do seu rival, mentres que o Areas se limitaba a buscar o máis sinxelo dos sistemas (e tamén o máis árido para o espectador): fútbol directo confiando nunha segunda xogada que nunca chegou.
A reanudación comezou practicamente igual, pero o Areas encontrou unha inmerecida recompensa ao seu fútbol nunha acción a balón parado, cando tras un corner Tavi acerta a meter o pé batendo a Edu.
Curiosamente o gol fixo soltar amarras ao filial granate que se foi arriba e empezou a xerar perigo, pero sen acerto no remate final. O Pontevedra B empurraba mentres o Areas buscaba unha contra para sentenciar. Tívoa nas botas de Couso, que se encontrou con Edu, como a tivo, e máis clara aínda o equipo local, cando Tavi saca baixo paus un remate que se coaba, tras disparo a queimarroupa de Uru.
Pero cando parecía todo decidido, no minuto 94 chegaba o gol de Javi Pazos, aproveitando de cabeza a porta baleira un balón repelido polo longueiro tras disparo de Pingüi. Aínda houbo tempo para unha última acción de ataque granate, na que de novo a fortuna se aliou co Areas evitando que un líder avaro se fose de baleiro.
PONTEVEDRA B (1): Edu Sousa; Chicho, Héctor, Dani Adán, Alves; Portu (Uru, min. 84), Paco (Diego Álvarez, min. 67); David Eirín (Otero, min. 67), Pedro (Pingüi, min. 67), David; e Javi Pazos.
CULTURAL AREAS (1): Iván; Samuel, Costas, Vicente, Brais; Cañi (Portas, min. 46), Hugo (Carlitos, min. 87); Fon, Tavi, Arenas (David, min. 77); e Álex (Couso, min. 62).
Árbitro: Pozo Álvarez, auxiliado nas bandas por González González e Diéguez Novoa (Ourense). Amoestou a: Chicho, Héctor, Pingüi, Brais, Fon, Hugo, Tavi e Couso, ademais de ao adestrador visitante, Felín Romero.
Goles: (0-1) Minuto 51: Tavi. (1-1) Minuto 94: Javi Pazos.
Incidencias: Sintético da Xunqueira. Douscentos espectadores.
DERROTA DO XUVENIL EN SANTANDER
Despois da contundente vitoria lograda o xoves fronte ao Atlético Perinés (2-7), non puido repetir o xuvenil granate no seu segundo partido consecutivo en terras cántabras, encaixando unha inesperada e dolorosa goleada (4-0) fronte a outro rival directo na loita pola permanencia como é o Raio Cantabria.
Con este resultado os pontevedreses seguen fóra dos postos de descenso, pero a clasificación pola zona baixa apértase aínda máis, o que converte o partido que disputarán o próximo domingo, fronte ao Laredo na Xunqueira, en transcendental.