Luisito e Piscis enfróntanse ao seu pasado nun derbi que promete emocións
Por Ramiro Espiño
Non será un derbi calquera. O partido entre Pontevedra e Arosa (domingo; 17:00 horas, en Pasarón) conta con todos os alicientes para atraer a atención dos afeccionados dun e outro conxunto, prometendo emocións fortes. Breogán Antón Martínez Vila (Ourense) será o colexiado encargado de dirixir o choque, auxiliado nas bandas por José Ramón Jardón González e Carlos Quintas Lorenzo.
Cos dous equipos situados na zona nobre da táboa, terceiros os locais cun punto máis que o conxunto vilagarciano, que é cuarto. Ambos os dous poderían mesmo empolicarse ao liderado en caso de vencer, sempre dependendo do resultado que se produza no outro partido da xornada que disputarán no Roxo Cerceda e CD Choco, primeiro e segundo clasificado.
Así pois, será unha xornada en que os afeccionados estarán moi pendentes do que suceda no campo, pero tamén atentos ao que fagan os rivais.
A expectación entre ambas as dúas afeccións é máxima. Todos saben que unha vitoria ten un valor engadido ao producirse fronte a un rival directo, pero máis aínda ao tratarse dun partido de máxima rivalidade, o que sen dúbida contribuirá a facer que as bancadas de Pasarón rexistren unha das mellores entradas da liga regular, anunciándose a presenza dun importante número de seguidores visitantes.
Ata once arosistas teñen no seu historial pasado granate: Jorge Pérez, Nano, Javi Pazos, Quique Cubas, Esteban Capelo, Álex Freire, xunto co propio técnico Piscis, saben o que é vestir a camiseta do primeiro equipo do Pontevedra, ademais de Lucas, Juanjo, Vixo e Nando que deberon buscar novos aires tras pasar polo filial granate.
Pola contra, a viaxe en sentido contrario unicamente o fixo o actual adestrador pontevedrés Luisito, que foi xogador arlequinado en dúas etapas diferentes, pero ningún dos seus xogadores defenderon as cores do conxunto da Lomba.
Os de Piscis non perden lonxe da Lomba dende a xornada inaugural da liga, cando caeron en Vilalba (4-2), circunstancia esta que é valorada polo técnico arlequinado: "Si, es una gran diferencia con respecto al año pasado, que éramos muy fuertes en casa pero nos costaba mucho mantener esa línea a domicilio. Este año hemos corregido cosas y fuera de casa mantenemos una línea de regularidad que nos está dando buenos resultados".
Non obstante, o técnico arosista nega que o feito de enfrontarse ao Pontevedra supoña maior motivación para os seus homes: "Nosotros siempre salimos a tope en todos los partidos, no sólo porque sea el Pontevedra. Lo haremos porque lo hacemos siempre y en todos los campos. Claro que sabemos que es un partido importante para el club y para nuestra afición, pero para nosotros es uno más en el que saldremos a competir con toda la intensidad, como lo hacemos habitualmente".
Piscis non pode contar con Álex Freire e Cheri, mantendo a dúbida de Capelo
As baixas xa esperadas de Álex Freire e Cheri non cambian o discurso de Piscis, quen non obstante lamenta a posible ausencia de Esteban Capelo dúbida ata última hora, que non quedou despexada de todo tras o adestramento realizado na noite do venres. O xogador está falto do lóxico ritmo de competición, pero aínda así pode ser unha baza importante, especialmente nas accións a balón parado, nas que é especialista.
Con estas ausencias e especialmente con esa dúbida citada, o adestrador arosista decidiu desprazar a Pasarón a todo o plantel dispoñible, incluído o citado Capelo, facendo os descartes minutos antes de comezar o partido.
O técnico granate ten unicamente 16 xogadores dispoñibles
Quen non tivo dúbidas á hora de confeccionar a lista foi Luisito. O técnico granate non pode contar con Fran Fandiño, que segue co seu proceso de recuperación, nin tampouco con Anxo, aínda con molestias no nocello. Como ademais Pedro García está sancionado por acumulación de amoestacións, tras a baixa definitiva de Luismi, ao de Teo quédanlle unicamente dispoñibles os 16 xogadores que han de conformar a convocatoria.
Os granates, que pecharon a preparación de cara ao partido tamén o venres unhas horas antes que o seu rival, adestrando na Xunqueira, ven como Tomás ocupa o posto de Pedro García, quedando a lista formada por: Edu, Lloves, Adrián, Pablo, Campillo, Capi, David Feito, Kevin Presa, Tubo, Jacobo, Centrón, Mouriño, Tomás, Benja, Jorge e Pablo Carnero.