O Ferrol pon en evidencia o Pontevedra e goléao na segunda parte (5-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Un ano despois o Pontevedra volveu caer goleado na Malata ante o Rácing de Ferrol cos mesmos algarismos (5-0). Un ano despois o Pontevedra volvía ao mesmo escenario con idéntico resultado e parecidas sensacións tras o partido. ÿ verdade que nesta ocasión a imaxe ofrecida foi diametralmente oposta á indolente e falta de actitude de hai un ano, pero iso non evita a sensación de impotencia e falta de nivel competitivo que se esixe a un equipo como o granate.
Esta vez os locais chegaban ao encontro como líderes destacados da Terceira División, pero o equipo granate saíu sen complexos nun partido moi igualado durante primeira metade. A presión adiantada que formulou Milo Abelleira sobre a saída de balón dos locais parecía facer efecto, ata que a pegada e calidade do Rácing rematou por decidir o encontro.
Pablo Rey con catro asistencias rompeu o partido
O Pontevedra aguantou o que lle durou a "gasolina" a algúns dos seus xogadores, pero especialmente ata que Pablo Rey demostrou que os ferrolanos teñen moitas cousas das que o conxunto granate carece, e unha delas é a calidade no último pase. Catro dos cinco goles saíron das súas botas, e menos mal que José Manuel Aira foi piadoso e o mandou ao banco antes de tempo, porque pola contra o roto podería ter sido aínda maior.
Precisamente das botas de Pablo Rey saíu a xenialidade que abriu o partido, cun pase milimétrico cando o primeiro tempo agonizaba. O gol de Manu Barreiro non facía xustiza ao visto no primeiro acto, con poucas ocasións e moi repartidas entre os dous conxuntos, pero si á sensación de prestancia ofrecida polo conxunto local.
Na segunda parte só existiu un conxunto sobre o céspede, o Rácing de Ferrol. Os granates saíron intentando neutralizar a vantaxe local, pero en só tres minutos encaixaron dous goles, ambos os dous nacidos nas botas de Pablo Rey, que primeiro rompeu a defensa para que Manu Barreiro e Jorge Rodríguez fixesen o resto, e despois puxo un servizo medido nunha falta lateral (outra máis mal defendida polo Pontevedra, no que xa é perigoso costume esta tempada), que non perdoaría Manu Barreiro.
A bancada coreou o Rácing con berros de "olé, olé" e facendo a onda na segunda parte
Con 3-0 no marcador simplemente o Pontevedra se "suicidou", evidenciando tamén outro dos "pecados" que padece o equipo como é a falta de oficio. En lugar de intentar capear o temporal os granates fóronse cara a arriba de forma suicida, e co equipo partido e as forzas xustas convertéronse nun xoguete para os ferrolanos, que á contra ampliaron a goleada mentres a bancada facía a onda, celebrando a vitoria, á vez que coreaba cada pase con humillantes berros de "olé, olé," máis dolorosos para a sufrida afección pontevedresa que o avultado resultado encaixado por un equipo ao que esta vez nada se lle pode obxectar en canto a actitude, pero iso non abonda para estar á altura dun suposto aspirante ao ascenso.
Catro goles encaixados en só 13 minutos (do 58 ao 71 de partido) dino todo e han de servir para reflexionar e intentar polo menos buscar solucións, porque así non se vai a ningunha parte. Ben, si, a seguir arrastrando o prestixio dun club histórico pola xeografía galega.
RÁCING CLUB FERROL (5): Marcos Valín (1); Rubén Comesaña (2), Antonio (1), Sergio (2), Pumar (2); Dani Rodríguez (2), Iván Forte (2), Pablo Rey (3), Marcos Álvarez (2); Manu Barreiro (3) e Jorge Rodríguez (3).
Substitucións: Héber (2), por Manu Barreiro, min. 69. Carlos (1), por Pablo Rey, min. 75.
PONTEVEDRA CF (0): Lloves (1); Caco (1), Sestelo (1), Pablo (1), Adrián (1); Richi (2), Iago Paz (1), Cristóbal (1), Jacobo (2); Santi Domínguez (1) e Stefan (1).
Substitucións: Nano (1), por Caco, min. 62. Tubo (1), por Richi, min. 62. Fran Fandiño (1), por Santi Domínguez, min. 69.
Árbitro: Daniel Arias Penas, auxiliado nas bandas por Cristian Vázquez Martínez e Pablo Álvarez Calderón. Colexio Galego (Vigo). Amoestou a Rubén Comesaña, Dani Rodríguez, Santi Domínguez, Stefan, Iago Paz e Pablo.
Goles: (1-0) Minuto 44: Manu Barreiro aproveita un sensacional pase de Pablo Rey. (2-0) Minuto 58. Jorge Rodríguez, a pracer tras centro de Pablo Rey que baixa de cabeza Manu Barreiro. (3-0) Minuto 61: Manu Barreiro, de cabeza, remata unha falta lateral botada por Pablo Rey. (4-0) Minuto 68: Jorge Rodríguez, culmina un contraataque levado por Manu Barreiro. (5-0) Minuto 71: Héber, a porta baleira, remata un gran pase de Pablo Rey.
Incidencias: Estadio da Malata, Ferrol. Uns 1.300 espectadores.
VESTIARIOS:
MILO ABELLEIRA: "Xogamos ante o mellor equipo da categoría. Quixemos atacalo e roubarlle o balón preto da súa área e nesa tarefa desgastámonos -comezou apuntando o técnico visitante-. O equipo que puxemos inicialmente tiña moito risco para intentar poñernos por diante, pero non nos saíu ben e cando nos marcaron o segundo e logo o terceiro tan rápido nos viñemos abaixo. Polo xogo da primeira parte o resultado é esaxerado, demasiado castigo, pero logo debemos recoñecer que eles foron moi superiores".
Polo menos o adestrador pontevedrés non cargaba tintas nesta ocasión contra a actitude dos seus xogadores: "Hoxe non houbo desleixo, como en Barbadás e Ordes. Viñamos con moita ilusión e espero que o 5-0 non nos faga dano para as seguintes xornadas. Superáronnos en todo, tamén na formulación táctica, pero a tempada pasada encaixamos o mesmo resultado e ao final clasificámonos para o play-off.
JOSÿ MANUEL AIRA: O adestrador ferrolano estaba tranquilo, a pesar da contundente vitoria: Custounos. Na primeira parte custounos moito superalos. O Pontevedra pechounos ben as liñas de pase e non conseguiamos progresar, pero cando logramos o segundo gol viñéronse abaixo e con espazos xa non tivemos problemas para aproveitar os ocos que deixaban".