Quique Cubas salva un punto para o Arosa (2-2) ante o Cerceda na última xogada do partido
Por Redacción
No último suspiro. Un partido de poder a poder con todos os ingredientes posibles non podía ter un final máis emocionante. Un gol de volea de Quique Cubas na última xogada antes de que o colegiado pitase o final, deu un punto ao Arosa ante un Cerceda que se adiantou en dúas ocasións e en ambas viu como os arlequinados aproveitaban os minutos de desconto de cada período para neutralizar a súa vantaxe.
Ritmo elevado e perigo en ambas áreas. Malia a pesadez do terreo de xogo, bastante afectado pola choiva e embarrado nalgunhas zonas, os dous equipos puxeron intensidade e ganas para compensar a falta de fútbol elaborado que o estado do cesped non permitía.
Adiantábase por primeira vez o Cerceda aos 32 minutos tras un lanzamento de falta de Herbert desde a frontal. Jorge detén pero faise unha lea co balón que termina no fondo da súa propia portería.
O erro do meta arlequinado viuse compensado no desconto da primeira parte nun balón que buscaba Quique Cubas e que Adrián ao intentar cruzarse introduciu na rede.
Con dominio local comezaba a segunda parte, pero foi o Cerceda quen se adiantou de novo ao rematar Cano unha xogada de Uxío, cun disparo cruzado. A partir de aí a iniciativa correspondeu ao Arosa, que tivo varias chegadas para lograr o empate, sen ben o Cerceda tamén estivo preto da sentenza cun remate de Uxío.
Ata que cando xa case ninguén llo esperaba chegaba o tanto do empate, nun gran remate de Quique Cubas, á media volta dende a frontal. Era a última xogada do partido, pois o árbitro pitou inmediatamente o final.
AROSA SC (2): Jorge Pérez; Juanjo, Juan, Martín (Eloy, min. 67), Alfonso; Rivas, Pablito (Vixo, min. 77), Nando, Camiño; Javi Pazos e Quique Cubas.
CCD CERCEDA (2): Marcos Valín; Noé (Marcos Caridad, min. 46), Juan, Adrián, José Manuel; Granada, Pablo Louro, Hérbert (Peloto, min. 75), Cano; Dani (Martín, min. 56) e Uxío.
Árbitro: Joaquín Ventoso Noal (Santiago), auxiliado nas bandas por Alberto Zas Varela e Miguel Ferrol Muñiz. Amoestou a Rivas e Juan polos locais e a Noé, Cano, Granada, Uxío e Hérbert polo conxunto visitante.
Goles: (0-1) Minuto 32: Jorge Pérez en propia porta. (1-1) Minuto 45: Adrián en propia porta. (1-2) Minuto 55: Cano. (2-2) Minuto 94: Quique Cubas.
Incidencias: Campo Municipal da Lomba (Vilagarcía). Uns 1.200 espectadores. O presidente da Deputación, Rafael Louzán, xunto co do Arosa, Manolo Abalo, presenciaron o partido dende o palco, logo de inaugurar a mellora das instalacións do campo arosista.