A "montaña" para o Pontevedra comeza en Barbadás
Por Ramiro Espiño
Barbadás, Arosa, Choco, Rápido de Bouzas, As Pontes, Alondras e Cerceda. Son os sete rivais que lle quedan ao Pontevedra para pechar a primeira volta da competición ligueira. Utilizando o símil ciclista, para os granates empeza a "montaña" da competición, a parte dura fronte a rivais directos na loita polos postos de honra.
E a primeira desas "etapas", que se pode considerar como de "media-montaña" para abrir boca pola posición que ocupa o rival na táboa, que non polo seu potencial ou posibilidades deportivas, será render visita a un sempre complicado UDC Barbadás (Os Carrís, domingo, 16:30 horas) con arbitraxe do colexiado coruñés Alexandre López Vila, que estará auxiliado nas bandas por Juan Orozco Corredoira e María Eugenia Gil Soriano.
A directiva do club ourensano declarou o partido como día de "axuda ao club", polo que os socios pagarán un suplemento de 5 euros, mentres que o público en xeral deberá aboar 12 euros. Iso si, co prezo da entrada, os afeccionados poderán gozar dun magosto popular no descanso do partido, no que se repartirá castañas, chourizos e pan.
Os antecedentes entre ambos os dous equipos remóntanse unicamente ás dúas últimas tempadas, con vitoria (2-0) para os locais na campaña do seu debut en Terceira división, e triunfo granate fai precisamente un ano (0-1).
O equipo que adestra Jorge Regal atravesa un mal momento deportivo, con seis xornadas sen coñecer a vitoria e na que tan só lograron tres puntos de dezaoito posibles, froito dos empates con Arosa e Rápido de Bouzas, na casa, e As Pontes, a domicilio. Ademais, o pasado domingo sufriu un duro correctivo encaixando unha severa goleada (5-0) na súa visita ao Cerceda.
Pero eses números non reflicten a resistencia que sempre ofrece aos seus adversarios, especialmente en Os Carrís, non en van ata esa goleada encaixada era, xunto co Pontevedra, o equipo menos batido da categoría, cos mesmos goles recibidos que o Pontevedra. De feito, equipos da zona alta como Choco e Alondras unicamente puideron vencelo por un mínimo 1-0.
Ademais do valor dos puntos en disputa, para o Pontevedra a vitoria ten o aliciente de poder meter a cabeza entre os catro primeiros postos, tendo en conta os enfrontamentos directos que hai entre Arosa-Cerceda e Choco-Alondras, que poderían permitir aos granates avanzar polo menos dous postos na táboa.
Luisito deixa fóra da convocatoria a Anxo e dá entrada a Pablo por Tomás
Tras o último adestramento realizado polos pontevedreses na tarde do venres, no sintético da Xunqueira, Luisito facilitou a lista de convocados para o partido. Confirmada a baixa no club de Luismi, como adiantou PontevedraViva, ademais da ausencia de Fran Fandiño, por lesión, o técnico deixa novamente fóra a Anxo, facendo un único cambio con relación aos homes que utilizou a pasada xornada ante o Bertamiráns, ao dar entrada a Pablo en lugar de Tomás.
Polo tanto, os 16 xogadores convocados son: Edu, Lloves, Adrián, David Feito, Capi, Campillo, Pablo, Kevin Presa, Tubo, Jacobo, Pablo Carnero, Mouriño, Jorge, Centrón, Pedro García e Benja.