Non ten rival o Pontevedra (3-0) que puido lograr unha goleada de escándalo sobre un débil Bertamiráns
Por Ramiro Espiño
Monólogo. Partido dunha soa dirección. O Bertamiráns acreditou as razóns dos seus pobres números na competición e foi presa doada para un Pontevedra que, de ter estado máis acertado na finalización, puido conseguir unha goleada de escándalo.
Poucas veces os granates terán un partido tan cómodo como este. Abonde dicir que o cadro visitante non chegou sequera a pisar a área local, case nin a ganduxar dous pases seguidos en todo o partido. Parapetado atrás, co único obxectivo, ou iso parecía, de recibir o menor castigo posible, o conxunto coruñés foi moi inferior a un Pontevedra que tampouco necesitou grandes alardes para apoderarse do balón e dominar o seu antollo.
Pablo Carnero, o xogador máis activo dos locais, abría pronto a conta ao transformar un libre directo dende o bordo da área que rozou na barreira e se coou pola escuadra. Ían só sete minutos de partido pero o gol non fixo que os visitantes abandonasen as inmediacións da súa área para intentar reaccionar, ou quizais é que non podían porque o seu potencial deportivo esta tempada non dá para máis.
O dominio dos de Luisito queda claramente reflectido pola cantidade de saques de esquina botados (ata 12 en só o primeiro tempo), aínda que iso si, sen resultado positivo no remate, o que serve tamén para poñer de manifesto que a estratexia, crave en tantos partidos a pasada tempada, require aínda dun intenso traballo nos adestramentos. O iso, ou quizais permitir que David Feito, especialista na devandita faceta, volva exercer de lanzador (o único corner que lanzou, en Ribadumia, rematou en gol).
Polo demais, o partido non permite demasiadas análises. O quizais si, poñer de relevo, por se non o estivese dende hai tempo, que ao equipo lle segue faltando equilibrio táctico tras as perdas de balón, calidade na construción e profundidade polas bandas. Nada novo, imos, pero que non por sabido deixa de ser perigoso cando en fronte estean rivais de maior entidade.
Tras varias aproximacións falidas e remates mal dirixidos, de novo Pablo Carnero acudiu ao rescate ao fío da media hora de xogo, poñendo un gran pase ao espazo libre para Jacobo que este non desaproveita, cruzando por raso para facer o segundo gol.
Logo máis dominio, máis chegadas, máis lanzamentos de esquina e a posibilidade clara de facer o terceiro antes do descanso. O remate de cabeza de Pablo Carnero sacouno nunha grande acción meta José, mandando a pelota a corner.
Máis do mesmo na segunda parte, pero corrixido e aumentado. Avisou Jorge, pero o seu remate, só ante o porteiro, foise fóra. Xusto un minuto antes de que os granates sentenciasen, por se non o estivese xa antes, o partido. Sería na xogada mellor trenzada polo cadro local. Jacobo mete o balón na área, tras recibir de Pablo Carnero. Deixa pasar Jorge cun intento que despista o central que o marcaba e habilita só a Mouriño, que pon o balón xunto ao poste.
Logo máis ocasións. Tívoa de novo Mouriño nun lanzamento de falta que José mandou a corner. Mentres, o Bertamiráns limitaba a súa produción ofensiva a un lanzamento de corner que non encontrou rematador, e para iso deberon pasar case 70 minutos. Clara proba da inexistente bagaxe ofensiva do Bertamiráns.
Mouriño e David Feito encontráronse con José no seu intento por facer o cuarto. Pablo Carnero mandou alto un remate en boa posición. A medida que pasaban os minutos baixaba a pouca intensidade que xa tiña o partido, ademais da súa calidade. O Bertamiráns poñía da súa parte o pouco que tiña, pero iso non lle permitía case nin superar a liña central do campo, deixando unha moi pobre sensación que, ou moito cambian as cousas, ou posiciónalle como claro favorito o farol vermello ao finalizar a tempada.
Os últimos minutos serviron tamén para poñer de manifesto o moito que aínda necesita afinar a puntaría o cadro granate. No desconto Mouriño, nunha gran xogada con Centrón, e Pablo Carnero, viron como José evitaba o cuarto e o que puido ser unha goleada de escándalo quedou nunha cómoda pero pouco convincente vitoria.
PONTEVEDRA CF (3): Edu (s.c.); Adrián (1), Campillo (1), Capi (1), David Feito (1); Tubo (2), Kevin Presa (2), Mouriño (2), Jacobo (1); Pablo Carnero (2) e Jorge (1).
Substitucións: Centrón (1) por Jacobo, minuto 61. Tomás (1) por Jorge, minuto 67. Benja (1) por Tubo, minuto 76.
BERTAMIRÁNS CF (0): José (3); Puyi (1), Raúl (1), Bruno (1), Ánder (1); Jony (1), Fon (1); Saro (1), Diego (1), Jesús (1); e Adán (1).
Substitucións: Richi (1) por Diego, minuto 31. Jaime (s.c.) por Fon, minuto 76. Álex (s.c.) por Jesús, minuto 76.
Árbitro: José Luis González Sobrado (Vigo), auxiliado nas bandas por José Antonio Lorenzo Álvarez e David Martínez Barciela. Amoestou a Adrián, polo Pontevedra, e a Adán, polo Bertamiráns.
Goles: (1-0) Minuto 7: Pablo Carnero. (2-0) Minuto 30: Jacobo. (3-0) Minuto 53: Mouriño.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.000 espectadores.