No desconto e cun gol en propia porta o Pontevedra imponse (1-0) a un Boiro ultraconservador
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
O partido comezaba cunha desgraciada noticia para os granates. No accidente dunha avioneta acontecido a mediodía en Curro resultaba implicado o pai do porteiro Sergio Lloves, quen abandonaba inmediatamente o estadio, obrigando a Luisito a deixar a portaría a Edu, reclamando con urxencia a presenza do mozo Borja para ocupar praza de banco.
Á marxe dese desafortunado accidente, o novo técnico pontevedrés optou de inicio por un once marcado pola continuidade. A sorpresa estivo nos descartes, ao deixar fóra a Pablo titular habitual ata a data, ademáis de Tomás e Luismi, para confiar o centro da zaga a dous xogadores que coñece á perfección da súa etapa no Ourense, Campillo e Capi, volvendo ao sistema 4-4-2, pero cun rombo no centro do campo, tendo a Jacobo e Mouriño nas bandas e Anxo como vértice ofensivo dese rombo. Arriba dúas puntas como Pablo Carnero e Jorge, o segundo sempre máis próximo á área.
O Boiro, que comezaba con aparencia ambiciosa, querendo premer arriba, pronto se limitou a gardar a súa parcela sen asumir riscos, esperando que aparecese unha oportunidade illada para sorprender, pechando espazos polo centro e deixando abertas as bandas, coñecedor dos problemas que teñen os granates tanto para a creación, tanto como para a chegada por bandas.
Deste modo, o primeiro tempo foi unha sucesión de disputas, con máis intensidade que xogo e menos chegadas á área por parte de ambos os dous equipos. Ningún conseguía ter o control do partido, ambos os dous máis preocupados de non cometer erros que de buscar con decisión o marco rival.
Os constantes cambios de posición na zona ancha tampouco contribuían ao espectáculo, con demasiados espazos que non se aproveitaban, e outros absolutamente libres polos que non aparecía ninguén.
De ocasións case non falamos, pero as poucas que houbo tiveron cor granate. Aínda que foi o Boiro o que avisou no seu primeiro e único remate de todo o primeiro período. O balón rematou no fondo da rede local, pero o remate de Rubén (minuto 7), nunha falta botada por Pablo Pillado, foi invalidado correctamente polo colexiado por claro fóra de xogo.
Logo nada. O Boiro deu un paso atrás, pero o Pontevedra custáballe chegar. Fíxoo por primeira vez nun pelotazo longo do seu porteiro Edu, como clara mostra da falta de elaboración. O balón chegou a Jorge (minuto 22), que entre os dous centrais visitantes rematou frouxo ao centro, sen problemas para Lorenzo.
Iso si, un minuto máis tarde, os granates puideron abrir o marcador, en quizais a única acción clara combinativa. Mouriño puxo un balón ao espazo e Jorge disparou en boa posición. Lorenzo tivo que rexeitar con moitos apuros.
Aínda habería unha terceira e última chegada. Foi nunha contra (minuto 27), que iniciou Jacobo e que finalizou Pablo Carnero, en boa posición, pero cun remate falido e sen perigo.
O sucedido na segunda parte pouco tivo que ver. Dende o inicio o Pontevedra tomou o mando do partido, fronte a un Boiro cada vez máis afanado a manter a súa porta a cero. Ben é verdade que o equipo de Luisito chegaba máis por insistencia e de forma directa que por xogo combinativo. Pero con iso era suficiente para que as ocasións comezasen a chegar. Iso si, co mesmo denominador común da falta de acerto na finalización que parece perseguir aos granates neste primeiro cuarto ligueiro.
O primeiro aviso daríao Jacobo, cunha volea sensacional dende a frontal (minuto 49) á que responde Lorenzo voando para mandar o balón á esquina. A seguinte sería para Benja (minuto 57), pero en inmellorable posición dispara ao "boneco". Dous minutos máis tarde sería Jorge quen volvese poñer a proba un Lorenzo que para ese entón estaba xa convertido na figura do seu equipo. O porteiro de Padrón volve desviar o coiro a corner.
A saída ao campo de Carlos Padín, coincidindo co desgaste físico que comezou a acusar o Pontevedra, permitiu respirar ao Boiro. Mentres os granates se partían na loita, deixando excesiva distancia entre liñas, os boirenses encontraban a pausa que necesitaban para ter un pouco máis o balón lonxe da súa área.
Apenas durou quince minutos esa fase e tampouco nela o conxunto visitante logrou crear perigo a unha defensa nesta ocasión ben sostida no mellor Capi da tempada.
O Pontevedra volveu empurrar. Pablo Carnero, tan traballador como desacertado na súa mellor faceta, o remate, realiza unha deixada a Mouriño, que cae na área (minuto 77) sen que o colexiado observase nada punible.
E os visitantes, por fin, aparecen en ataque. Sería, á parte do gol anulado na primeira metade, o seu único disparo a porta. Fíxoo Añón (minuto 84), respondendo Edu con solvencia para mandar corner.
Ao Boiro valíalle o empate. Os seus xogadores intentaron parar o partido de todas as maneiras. E case o conseguen. Catro minutos de desconto dera o colexiado, moi pouco para o que se perdera. Foron suficientes e claves para que nunha última xogada (minuto 93), case a única ben trenzada de principio a fin, eléctrica do reaparecido Tubo, con penetración ata a liña de fondo e centro atrasado, poña o balón nas botas de Jorge. O remate do dianteiro sálvao milagrosamente Lorenzo, pero Cardeñosa, que chegaba lanzado, tropézase co balón e remata por aloxalo no fondo da súa propia portaría.
Foi o xusto premio a quen máis o mereceu, ao equipo que, con erros no remate, sen un fútbol brillante, polo menos buscou a vitoria fronte a un rival encollido, ao que posiblemente pasase factura a final de Copa Federación disputada e gañada o xoves ao Coruxo.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Adrián (1), Campillo (1), Capi (3), David Feito (1); Mouriño (1), Kevin Presa (2), Anxo (1), Jacobo (2); Pablo Carnero (1) e Jorge (2).
Substitucións: Benja (1) por Anxo, minuto 46. Tubo (1) por Jacobo, minuto 67. Pedro García (s.c.) por Jorge, minuto 94.
CD BOIRO (0): Lorenzo (3); Paco (1), Cardeñosa (1), Borja (2), Marcos (1); Pablo Pillado (1), Gabi (1), Mario (1), Rafa (1); Adrián Armental (1) e Rubén (2).
Substitucións: Añón (2) por Mario, minuto 54. Padín (1) por Gabi, minuto 58. Kevin Levis (1) por Adrián Armental, minuto 70.
Árbitro: Iván Abel Bruzos (Lugo), auxiliado nas bandas por Tania Fente Pena e Rubén Folgueira Ríos. Amoestou a Jorge, Mouriño, Pablo Carnero e Kevin Presa, polo Pontevedra, e a Lorenzo, Añón, Rubén e Marcos, polo Boiro.
Goles: (1-0) Minuto 93: Cardeñosa, en propia porta.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 1.200 espectadores. Os xogadores do Pontevedra saíron ao campo con camisetas de ánimo ao seu compañeiro Fran Fandiño, intervido cirurxicamente esta semana dunha lesión de ligamentos que lle manterá algo máis de dous meses afastado dos terreos de xogo.