O Boiro, primeira proba para o Pontevedra de Luisito
Por Ramiro Espiño
Contundente Luisito. Nada máis finalizar o último adestramento previo ao partido do seu debut no banco granate fronte ao Boiro (domingo, 17:00 horas, en Pasarón). As declaracións realizadas no mesmo escenario do partido na mañá deste sábado, deixan ben claro que sabe o que quere, o que espera dos seus xogadores, así como a esixencia que se vai encontrar:
"Dos meus xogadores espero que o nivel de concentración e intensidade sexa máis alto que o que tiñan ultimamente. Quero que a xente que veña ao campo marche sexa cual sexa o resultado vendo que o futbolista o deu todo. Eu o que non lle perdoo a un futbolista que vista esta camiseta, nun estadio inmaculado que non hai mellor escaparate ca el en toda España en Terceira División, que non o aproveiten para dar un golpe enriba da mesa. E iso é o que intento transmitilos, que a ilusión que teño eu que a teñan eles. Ata agora estou moi contento pola actitude que lles vexo".
Ademais, para os que se escusan na suposta presión engadida por xogar nun estadio esixente como Pasarón, o técnico tamén o ten claro:
Luisito: "Hai que poñerse na pel desta afección, que están fodidos porque levan moito tempo en Terceira División. O futbolista que veña aquí o mesmo que o adestrador, ten que saber a que club vén senón é mellor que non fiche"
"Á afección pouco lle podes pedir. Eu vin aquí de futbolista e de adestrador e sei que esta afección con pouco se engancha. O que pasa é que hai que poñerse na pel desta afección, que están fodidos porque levan moito tempo en Terceira División e é un club que non merece estar nesta categoría. Hai que tratar de saír de aquí por todos os medios o antes posible, pero xa son catro tempadas, pero creo que á afección con pouco que lle deas é moi soberana. Eu prefieron que veña 5.000 antes que 1.000 e que sexan esixentes. Este é un club señorial, un club con moita historia, moi grande, e o futbolista que veña aquí o mesmo que o adestrador ten que saber a que club vén, senón é mellor que non fiche"
O partido será dirixido polo colexiado lucense Iván Abel Bruzos, que estará auxiliado nas bandas por Tania Fente Pena e Rubén Folgueira Ríos.
Os dous equipos, que partían como dous dos máximos favoritos ao título ligueiro tiveron un arranque de tempada irregular que lles levou a substituír aos seus respectivos técnico no banco.
O conxunto boirense, agora da man de Juan Carlos Andrés, vén de proclamarse este xoves campión da fase autonómica da Copa Federación, ao impoñerse ao Coruxo na final disputada en Noia, despois de deixar na cuneta precisamente o equipo granate, ao que venceu en Pasarón.
Non obstante, ese partido non é unha referencia excesivamente válida do que poden ofrecer ambos os dous equipos neste choque ligueiro, xa que, por unha parte, naquel enfrontamento os dous presentaron onces nos que faltaban moitos dos xogadores que seguramente actuarán nesta ocasión, e por outra, o cambio de inquilino no banco granate seguramente permitirá ver un Pontevedra moi distinto ao que actuou en Pasarón nas últimas xornadas.
O técnico, que ten unicamente a baixa de Fran Fandiño, convocou os 19 xogadores dispoñibles
Por parte granate, Luisito ten á súa disposición a todo o plantel, coa única excepción de Fran Fandiño. Finalizado o adestramento, no que puxo especial atención a traballar distintos aspectos tácticos, así como ao ensaio das accións de estratexia, o técnico granate decidiu convocar os 19 xogadores dispoñibles, deixando os tres descartes que debe realizar para momentos antes de comezar o partido.
Unha das notas positivas é a posible volta de Tubo, que adestrou con total normalidade e que se mostraba optimista ao finalizar o traballo, confiando en ter deixado atrás os problemas derivados da hernia discal que padece e que lle mantiveron fóra en todo o que levamos de tempada.