Cos xustos e Milo, o Pontevedra obrigado a gañar en Areas
Por Redacción
Partido de transición con urxencias. A cabalo entre a destitución de Manu Fernández e a elección de novo adestrador, que posiblemente se produza o próximo luns, o Pontevedra afronta o encontro fronte ao Cultural Areas (A Lomba, domingo, 17:30 horas), con Milo Abelleira como técnico provisional e coa imperiosa necesidade de sumar os tres puntos.
Os de Fonsi Valverde son viceúltimos, con só dúas vitorias na súa cuadrícula, ambas as dúas logradas no seu feudo da Lomba, fronte ao Bertamiráns e Rápido de Bouzas, caendo derrotados por Arosa e Alondras, aínda que esperan este partido contra os granates coa intención de pescar en río revolto e lograr un triunfo que lles supoña un alivio na súa delicada situación, á par que unha inxección de moral de cara ao futuro.
Os precedentes entre ambos os dous equipos son favorables aos pontevedreses, que se impuxeron por idéntico resultado (un mínimo 0-1) nas dúas ocasións en que se enfrontaron na Lomba, a última na pasada tempada, se ben en ambos os dous partidos o conxunto granate houbo de sufrir moito para obter a vitoria.
O colexiado ourensano José Antonio Fernández Rodríguez, coa asistencia nas bandas de José Daniel Rodicio González e Carlos Quintas Lorenzo, será o encargado de dirixir un partido que promete emocións, case tantas como a dúbida do rendemento dun Pontevedra cuestionado e que, en caso dun novo tropezo, vería seriamente comprometido o obxectivo do primeiro posto, do que podería quedar moi descolgado ao cumprirse o primeiro cuarto de competición.
Milo Abelleira recupera a Capi, tras cumprir sanción, pero perde polo mesmo motivo a Adrián, mentres David Feito, Fran Fandiño e Centrón serán baixa ao non se recuperar dos seus problemas físicos, deixando fora a Tubo, polo que convocou o xuvenil de segundo ano, Iago Martínez, ante a carencia de defensas laterais.
Precisamente ese será un dos puntos débiles a cubrir. Todo apunta a que Campillo se situará de novo na banda dereita, mentres Anxo será o recambio de emerxencia como lateral esquerdo, buscando ademais a súa maior proxección ofensiva, quedando a parte central da zaga para Pablo e Capi.
Por diante, Jacobo podería ocuparse da banda esquerda, na que xa actuou con frecuencia sendo Milo adestrador hai dúas tempadas, quedando Mouriño como ocupante do costado dereito, con Kevin Presa e Pedro García no dobre pivote, para deixar o ataque a Pedro Carnero e Jorge.
Todo iso se, como parece lóxico, Milo opta por non facer máis que os cambios xustos e obrigados, á espera de que sexa o novo inquilino do banco granate que tome as rendas do equipo.
Como queda indicado, as ausencias por lesión e sanción deixan moi doado a composición da convocatoria, xa que do primeiro equipo unicamente quedan 15 homes dispoñibles, sen contar a Tubo, que adestra xa pero ao que o técnico optou por non forzar, aos que se suma Iago Martínez, polo que a lista a forman: Edu, Lloves, Campillo, Capi, Pablo, Iago Martínez, Anxo, Mouriño, Kevin Presa, Pedro García, Tomás, Jacobo, Luismi, Benja, Jorge e Pablo Carnero.