Nin un só disparo a gol do Pontevedra, eliminado da Copa Federación polo Boiro (0-1)
Por Ramiro Espiño
Para competir son necesarias dúas premisas fundamentais: agresividade (non confundir con violencia) e intensidade na disputa. Nada disto tivo o Pontevedra fronte a un Boiro que chegaba como os granates en horas baixas, e que recibiu unha inxección de autoestima. E non é que o conxunto de Barraña fixese un gran partido, non, tampouco lle fixo falta, é que o Pontevedra o fixo sinxelamente horroroso.
Nin fútbol, nin calidade, nin ganas. Máis ben indolencia absoluta e erros absurdos. Lonxe de parecerse a un equipo, o granate foi un grupo de xogadores nos que a maioría deambulaba polo cesped e os demais facían a guerra pola súa conta, non chegando a realizar un só disparo a gol entre os tres paus en todo o partido.
O sucedido nos primeiros corenta e cinco minutos pódese resumir con tan só catro letras: NADA. Así, con maiúsculas. Tedio, aburrimento, falta de interese e calidade. Nin unha soa xogada. Nin un pase medianamente decente, nin unha xogada de perigo ou ocasión de gol e apenas medio remate ou intento por bando (por chamalos dalgún xeito), ambos os dous a bastantes metros da portaría rival.
Pontevedra e Boiro apuntaron moitos dos males que lles levaron a un inicio de tempada moi afastado das aspiracións de ambos os dous, pero case ningunha das virtudes que se lle supoñen. Pero o que é peor, polo menos no que se refire ao conxunto local, é que a súa "segunda unidade" por chamar dalgún xeito aos xogadores menos habituais nas aliñacións ata o momento, non supoñen unha alternativa fiable, nin aproveitaron a oportunidade para reivindicar a súa presenza no once titular.
Iso si, a falta de carácter competitivo, bastantes dos xogadores granates están a mostrar unha tan perigosa como inútil tendencia a intentar tapar os seus erros con absurdas protestas ao colexiado correspondente, que rematan en amoestacións que lastran logo a súa presenza no campo.
Lentos, imprecisos nos pases, cunha esaxerada distancia entre liñas, os xogadores locais non encontraron o seu sitio no campo, mentres o Boiro comezaba a premer cada vez un pouco máis arriba, impedindo que os granates chegasen, nin con perigo nin sen el, a menos de 40 metros da porta visitante.
Se mala foi a primeira parte, especialmente por parte granate, mellor nin falar da segunda. Juan Carlos Andrés moveu ficha dando entrada a Padín e Kevin Levis, dous exgranates, e simplemente coa intensidade do primeiro nas disputas o partido comezou a inclinarse. Era cousa de tempo que chegase a puntilla e fíxoo pasada a hora de xogo nunha rápida transicición, con centro de Añón dende a dereita que Kevin Levis remata libre de marca no segundo pau.
Logo viría a expulsión do mozo Marou por dobre amarela, ao cortar por detrás ao bordo da área unha internada do propio Kevin Levis, tras o enésimo erro na entrega dos centrocampistas locais.
En apenas dous minutos o partido quedou sentenciado, e con el a sensación de que son demasiados os aspectos a corrixir nun Pontevedra que, lonxe de mellorar, acrecienta as dúbidas nos seus seguidores a cada día que pasa e no que os homes chamados a tirar do equipo e marcar diferenzas son estrañamente os que cometen os erros máis frecuentes e infantís, erros dos que custan partidos.
Por buscar algo positivo, por parte local, a reaparición de Tubo, esperemos que definitivamente recuperado, e o feito de que a eliminación dunha competición incómoda, permite aos granates centrar esforzos no que de verdade importa.
PONTEVEDRA CF (0): Edu (1); Adrián (1), Marou (1), Capi (0), David Feito (0); Pedro García (0), Tomás (1); Luismi (0), Jacobo (0), Anxo (0); e Benja (0).
Substitucións: Kevin Presa (1) por Luismi, minuto 64. Agus (1) por Benja, minuto 72. Tubo (s.c.) por Jacobo, minuto 77.
CD BOIRO (1): Rodrigo (s.c.); Paco (1), Cardeñosa (2), Marcos (2), Rafa (1); Pablo (2); Manu (1), Mario (1), Gabi (1), Armental (1); e Añón (2).
Substitucións: Padín (1) por Armental, minuto 46. Kevin Levis (2) por Manu, minuto 46. Sende (1) por Gabi, minuto 67.
Árbitro: Rubén Extremadura Hernández (Vigo), auxiliado nas bandas por Lorenzo Álvarez e Rivera Gores. Expulsou por dobre amoestación o xogador local Marou (minuto 62). Amoestou a Benja, Pedro García, Tomás e David Feito, polo Pontevedra, e a Cardeñosa, Marcos e Rodrigo, polo Boiro.
Goles: (0-1) Minuto 60: Kevin Levis.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido correspondente á eliminatoria de cuartos de final da fase autonómica da Copa Federación. Uns 250 espectadores.