A Magdalena, territorio hostil para un Pontevedra obrigado a reivindicarse
Por Ramiro Espiño
Dúas derrotas e un só empate. Tres partidos sen conseguir perforar a portaría rival. Son os pobres números dun Pontevedra obrigado a reivindicar o seu papel de favorito na categoría, nun campo, o da Madalena, pouco propicio para os granates, que saíron derrotados no seu primeiro ano de estanza en Terceira División neste ciclo (2-0), repetiron derrota (1-0) ao ano seguinte, e tan só conseguiron puntuar (0-0) a pasada campaña.
Nese escenario enfrontaranse o domingo (17:30 horas), o equipo local, Rácing Villalbés, e o Pontevedra CF, baixo a dirección do colexiado coruñés Sergio Espasandín Cores.
Cos mesmos puntos, goles a favor e en contra que o Pontevedra, o equipo que adestra ÿscar Gilsanz presenta o dato curioso que todos os seus goles, tanto a favor coma en contra, foron materializados no seu terreo de xogo, onde se impuxo ao Arosa e Alondras por idéntico resultado (4-2), caendo fronte ao Rapido de Bouzas (0-2), mentres que os outros tres partidos nos que actuou como visitante, fronte a Choco, As Pontes e Cerceda finalizaron con igualada sen goles.
Polo que respecta ao Pontevedra, unha semana máis a carencia de campos para realizar os adestramentos obrigou a prescindir da sesión preparatoria da matinal do sábado, especialmente nesta semana na que Manu Fernández ten a dúbida de Campillo, con problemas físicos.
Como consecuencia diso, o último ensaio tivo lugar na tarde do venres, no sintético da Xunqueira, que tampouco é o mellor escenario posible para preparar un partido que se vai disputar nun campo de herba natural e de dimensións bastante maiores.
O técnico granate decidiu desprazar nesta ocasión 17 xogadores, tendo en conta a dúbida xa citada de Campillo. Volven ao equipo Jacobo e Benja, que ocupa a praza de Luismi, co que un dos citados terá que quedar na bancada.
Por iso, a lista de convocados está formada por: Lloves, Edu, Adrián, Campillo, Pablo, Capi, David Feito, Pedro García, Kevin Presa, Fran Fandiño, Jacobo, Mouriño, Centrón, Anxo, Benja, Pablo Carnero e Jorge, quedando fora Tomás e Luismi, ademais do lesionado Tubo.