11 de outubro, San Tomé de Piñeiro: chega a quinta edición da carreira Pinga Pinga
Por Alejandro Espiño
Volve a Pinga Pinga. Xa consolidada no calendario de carreiras populares de Galicia, chega á súa quinta edición. A proba, organizada polo Club Deportivo Pinarium en colaboración co Concello de Marín, celebrarase o próximo sábado 11 de outubro na parroquia marinense de San Tomé de Piñeiro. Esperan superar, contando cos participantes en todas as categorías, o millar de corredores.
O campo de fútbol de San Tomé será, un ano máis, saída e chegada de todas as probas. Polo menos, esa é a intención dos organizadores. Actualmente, estanse a realizar unha serie de obras para instalar herba sintética no seu terreo de xogo. Segundo o concelleiro de Deportes, Antonio Traba, estes días estase a proceder ao seu asfaltado e a herba comezarase a colocar o luns, polo que confían que estea listo a tempo para a carreira.
A partir das 16.00 horas terán lugar as probas de categorías inferiores, dende a de pitufos (nacidos en 2009 e adiantes) que percorrerán 100 metros, ata os infantís e cadetes (1999 a 2002) que chegarán aos dous quilómetros.
Na carreira absoluta, coa que se esperan alcanzar os 400 corredores, os atletas percorrerán, dende as 17.00 horas, case oito quilómetros. Serán tres voltas a un circuíto que ten a súa parte máis dura na subida ata a fonte Pinga Pinga, que dá nome á proba, e que é coñecida pola súa dureza.
A Pinga Pinga repartirá uns 700 euros en premios. Os vencedores das probas masculina e feminina recibirán 200 euros, mentres que os segundos e terceiros gañarán 100 e 50 euros, respectivamente. Haberá tamén trofeos para o club con máis participantes e para o primeiro e primeira deportista marinense en cruzar a liña de meta. En categorías inferiores, repartiranse medallas e trofeos para os primeiros clasificados.
Como cada ano, antes da carreira realizarase unha homenaxe a un atleta ou entidade que se destacase pola súa promoción do deporte. Neste caso, esta honra recaeu no vigués Alejandro Gómez, un dos atletas máis destacados do atletismo galego. Entre os seus logros deportivos destaca que foi internacional en 41 ocasións e participou en tres Olimpíadas, Seul (1988), Barcelona (1992) e Atlanta (1996).
A inscrición para participar na proba pódese realizar a través da empresa que cronometrará os corredores (www.cronotec.es) e custa catro euros por persoa. Poderase realizar ata o 8 de outubro. Para as probas nas que compitan menores, cuxa inscrición é gratuíta, hai que facelo na páxina web do club, www.pinarium.com.