Máis de 100 tiradores de 20 equipos cítanse a fin de semana no III Trofeo Rías Baixas de esgrima
Por Redacción
O Pavillón Municipal dos Deportes acollerá o próximo sábado, día 4 de outubro, a terceira edición do Trofeo Rías Baixas de esgrima organizado pola Escola Hungaresa de Pontevedra.
A competición, que arrancará ás 9:00 horas en categoría masculina e ás 10:00 na feminina, ten categoría de Torneo Nacional de Ranking de Sabre M-20 individual e por equipos.
Por iso espérase a participación de máis de 100 tiradores e 20 equipos ao ser unha proba clasificatoria para o Campionato de España.
O torneo individual desenvolverase durante a mañá, estando as finais previstas en torno ás 13:00 horas, mentres para a tarde quedará a Liga Nacional de Clubs, proba por equipos que dá acceso aos catro primeiros clasificados ao Campionato de España de Sabre.
En canto á representación local, a Escola Hungaresa contará con 12 deportistas e equipos de sabre masculino e feminino, con expectativas de lograr bos resultados.
Entre os tiradores pontevedreses encóntranse Natalia Fernández, Ángela De Faveri e Antonella Bunimov, xa con experiencia internacional, ou o actual subcampión de España en categoría M-15, Paulo Castro.