O boxeo volve a Marín cunha nova velada o 18 de outubro
Por Redacción
Oito anos tardou en volver o boxeo a Marín, pero agora a actividade non para e o Pavillón da Raña acollerá o 18 de outubro unha nova velada, a segunda en menos de tres meses.
Farao cunha xornada na que se programaron 11 combates, sete deles eliminatorias do Campionato Galego Promesas.
O prato forte será a eliminatoria galega do púxil local Sergio Pintos ante un rival do Club Saudade de Vigo, mentres Aarón González, xa clasificado para a final do Campionato Galego Elite do próximo mes de decembro, aproveitará a ocasión para preparar a cita enfrontándose ao ruso Kiril Pokrovskiy.
Tamén estará Abel Ferreira e Alberto Fontán, ambos os dous adestrados por Aarón González, ou os púxiles do Rebouras Team Cristhian González, Lorea Murgoitio e Orballo Suárez, entre outros.
DEBUT DE ABEL FERREIRA
Un dos boxeadores que participarán da velada, Abel Ferreira, vén de debutar a pasada fin de semana cun combate programado na localidade asturiana de Barredos.
Alí a nova promesa marinense impúxose despois de tres duros asaltos a un rival que o superaba en envergadura.
Pola súa banda no mesmo evento o seu compañeiro de equipo Ydne Subiñas, actual subcampión galego cadete, cedeu nun polémico combate.