Pontevedra e Boiro xogarán en Pasarón a eliminatoria de cuartos da Copa Federación
Por Ramiro Espiño
Dous equipos en horas baixas. Dous rivais que partían como claros aspirantes aos primeiros postos da táboa en Terceira División, pero aos cales os resultados levaron a estar moi lonxe dos seus obxectivos. Un deles, o granate, co técnico cuestionado. Outro, o branco, que cesou a Gelucho e busca recambio, coa mirada posta en Javi Touriño.
A sempre caprichosa fortuna quixo que os seus camiños se crucen antes do previsto e que o fagan na eliminatoria de cuartos de final da fase autonómica da Copa Federación, segundo o resultado do sorteo celebrado este luns na sede da Federación Galega de Fútbol, na Coruña.
O sorteo tamén decidiu que a eliminatoria, que se disputa a partido único, teña como escenario o Estadio Municipal de Pasarón, tendo previsto que se xogue o xoves día 9 de outubro, en hora aínda por confirmar.
Ademais de comprobar se ambos os dous equipos conseguen endereitar o rumbo en pouco máis dunha semana, o partido terá o aliciente de que varios dos que poden ser protagonistas o farán despois de defender ambas as dúas cores, como os casos de Carlos Padín, Lorenzo ou Kevin Levis, con pasado granate e actualmente no Boiro, ou Anxo e Pedro García, que recalaron nas filas pontevedresas esta tempada, procedentes do club boirense.
O resto de eliminatorias de cuartos enfrontarán ao Cerceda co ÿrdenes, no campo do primeiro, ao Rápido de Bouzas contra o Coruxo, no Baltasar Pujales, e ao Alondras fronte ao Barbadás, no campo do Morrazo.
Os vencedores desta eliminatoria entrarán nun novo sorteo para as semifinais autonómicas, que terá lugar o luns, día 13 de outubro, ás 13:00 horas, de novo na sede da Federación Galega de Fútbol.
Relacionadas:
-
Nin un só disparo a gol do Pontevedra, eliminado da Copa Federación polo Boiro (0-1)
Por Ramiro Espiño |
-
O partido de Copa Federación entre Pontevedra e Boiro adiántase ao mércores
Por Redacción |
-
A orde táctica e motivación do Xuventú Sanxenxo sorprenden (0-1) a un triste e desacertado Pontevedra
Por Ramiro Espiño |