Primeiro ouro pontevedrés en Oklahoma: Tono Campos proclámase campión do mundo de Maratón
Por Redacción
Tono Campos volveuno conseguir. O piragüista pontevedrés proclamouse este sábado en Oklahoma (Estados Unidos) campión do mundo de Maratón na modalidade de C-1. Era un dos grandes favoritos e cumpriu cos prognósticos. A punto estivo de acompañalo no podio o outro representante galego na proba, David Mosquera, que finalizou en cuarto lugar.
O padexeiro do Breogán do Grove cumpriu o seu primeiro obxectivo en Oklahoma. A súa veteranía, experiencia e tamén o seu estado de forma foron condicionantes para unha regata de máis de trinta quilómetros e os sete pasos por terra, denominados porteos.
Xa nas primeiras voltas se formou un grupo de catro padexeiros que se xogarían as medallas. Tono Campos foi o que mellor dosificou as forzas para lanzar un ataque demoledor despois do último porteo. Só o puido seguir o húngaro Marton Kover, que quedou a 19 segundos do galego, que se adxudicou a vitoria cun crono de 2:08:19.628.
Máis tarde, a un minuto e medio, rematou o portugués Nuno Barros, tamén considerado como un dos favoritos. David Mosquera mantívose sempre no grupo de cabeza, pero tamén cedeu ao final debido ao grande esforzo físico realizado. Quedou a menos dun minuto da medalla de bronce, nunha regata de máis de dúas horas de duración.
Con este triunfo, Tono Campos recuperar o liderado mundial nunha categoría, na que xa foi campión do mundo en 2012 e subcampión en 2013.
IVÁN ALONSO, PRATA EN K-1
Non foi a única medalla para os piragüistas galegos nesta segunda xornada do mundial. Iván Alonso (Kayak Tudense) logrou a medalla de prata ao proclamarse subcampión do mundo na modalidade de K-1. Alonso, cun crono de 2:12:12.181, quedou a só cinco segundos da medalla de ouro que se adxudicou o sudafricano Hank Mc Gregor (2:12:07,157). A medalla de bronce foi para o portugués Jose Ramalho (2:12:15,389).
DAMIÁN GONZÁLEZ, CUARTO EN C-1 JÿNIOR
A proba de C-1 júnior tamén deu unha grande alegría para os intereses pontevedreses neste campionato. O padexeiro Damián González, do Verducido Pontillón, logrou o cuarto posto na súa carreira. Quedou a menos dun minuto do terceiro lugar, despois de afrontar os 18 quilómetros de percorrido nun tempo de 1:38:23.348. O bronce foi para o tamén español Ángel Esteban (Piragüismo Aranjuez).
A última xornada do Campionato do Mundo de Maratón será este domingo coas regatas de barcos dobres.
Tono Campos volverá competir xunto a José Manuel Sánchez en busca da medalla de ouro da proba C-2. Non o terán doado ante a parella formada por outros dous pontevedreses, Ramón Ferro e ÿscar Graña, que tratarán de reeditar o título do pasado ano.
Tamén Iván Alonso xunto a Emilio Merchán parten como favoritos. No seu caso, na modalidade de K-2, onde terán outro pontevedrés como un dos seus grandes rivais. Trátase de Álvaro Fernández Fiuza, que competirá xunto ao asturiano Walter Bouzán.
Relacionadas:
-
Tono Campos, recoñecido como mellor piragüista galego do ano
Por Redacción |
-
Brillar no Nacional e o Europeo previstos no Lérez, obxectivo dos piragüistas pontevedreses de maratón
Por Diego Espiño |
-
Os piragüistas que acudiron ao Mundial de Maratón de Oklahoma reciben unha homenaxe na Deputación
Por Redacción |
-
Tono Campos e Álvaro Fernández Fiuza, subcampións do mundo de Maratón; ÿscar Graña e Ramón Ferro, bronce
Por Redacción |
-
ÿscar Graña, Ramón Ferro e Fernández Fiuza poñen rumbo ao Mundial de Piragüismo Maratón de Oklahoma
Por Redacción |