Unha gran primeira parte fai posible a vitoria do Teucro (26-32) en Torrelavega
Por Redacción
Para gañar na sempre complicada pista de Torrelavega hai que facer un gran partido, serio, sen concesións, con personalidade. E iso é o que fixo o Teucro. Os de Quique Domínguez conseguiron o pleno de vitorias nas tres primeiras xornadas de liga, e manteñen as máis altas expectativas de realizar unha gran tempada.
Os dez primeiros minutos foron de igualdade absoluta, pero a partir de aquí o Teucro realizou un primeiro tempo primoroso. Da man dun David García Pichel que foi un pesadelo para os locais, o cadro azul foi abrindo brecha no marcador, cun parcial de 1-4 que lle fixo pasar do 6-5 en contra (minuto 9) o 7-9 a favor (minuto 15).
O técnico cántabro intentou parar o ritmo do Teucro cun tempo morto que non lle deu resultado. Os azuis estaban lanzados, chegando a obter a súa máxima renda (12-19) a falta dun minuto para o descanso.
Parecía sentenciado o partido, pero a segunda parte tocaba sufrir. E fíxoo o Teucro. Os locais saíron en tromba logrando poñerse a só dous goles por debaixo, e con 18-21 (minuto 56) tiveron a súa ocasión de meterse de cheo no partido, coa dobre exclusión de Marcos Dorado e Adrián Pumar. Pero os pontevedreses aguantaron sen recibir nin un só gol.
Quedaba aínda o último empuxón cántabro. Cunha vantaxe de só dous goles entrábase nos últimos sete minutos de partido. O Teucro, lonxe de poñerse nervioso, creceuse de novo, retomou o mando do partido abrindo de novo brecha para irse con autoridade no marcador ata vencer con relativa comodidade e con toda xustiza.
BM TORRELAVEGA (26): Luis de Vega, Jacob Melián; José Javier Abad (2), Andrés Alonso (1), ÿscar Arroyo (1), Guillermo Barbón (4), Sergio Crespo (2), Manuel Díaz (1), Eugenio González (4), José Carlos Hernández (6), Joaquín Marcos (4), Alberto Pérez (1) e Sergio Rodríguez.
SD TEUCRO (32): Ricardo Amérigo, Santiago Gómez; Gonzalo Carró (1), David Chapela (2), Marcos Dorado, Borja Pedreira (2) Iván Fernández., Carlos García (3), García Pichel (8), Dani Hernández (3), Edu Moledo (6), Adrián Pumar (3), Víctor Rodríguez (4), José Carlos Ameijeiras e Carlos Pombo.
Árbitros: Javier Gutiérrez Quintano (C.A. Cantabria) e Sergio Elordui Elorrieta (C.A. País Vasco). Excluíron por dous minutos a Andrés Alonso, Guillermo Barbón, José Carlos Hernández, Joaquín Marcos (2) e Alberto Pérez, polo conxunto local, e a Gonzalo Carró, Marcos Dorado, Borja Pedreira (2), Carlos García, Edu Moledo e Adrián Pumar, polo Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 3-4, 6-5, 7-9, 8-13, 10-15, 13-19 (descanso), 16-21, 18-21, 19-22, 22-24, 24-28 e 26-32 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal Vicente Trueba (Torrelavega).