Stefan revoluciona, Richi marca e o Pontevedra remonta na segunda parte ao Dorneda (2-1)
Por Ramiro Espiño
Sufrindo. Con xogo mediocre e sen continuidade, o Pontevedra aferrouse a cinco bos minutos (ao comezo do segundo tempo) e á saída dos seus homes de refresco, especialmente Stefan, que revolucionou o partido, para remontar un resultado que se lle puxera en contra no "tradicional" regalo defensivo de cada xornada.
Que os granates son uns perfectos e amables "anfitrions" empeza xa a ser un perigoso costume. Coma se non acabasen de decatarse que no fútbol os visitantes son rivais, non amigos, os pontevedreses empéñanse semana a semana en poñer a proba o corazón e a paciencia dos seus seguidores. Menos mal que, polo menos nestas últimas xornadas algo cambiou, e é que a pesar de remar sempre contracorrente, se está a conseguir remontar e alcanzar a beira sen afogarse.
Fronte ao Dorneda non foi unha excepción. Dominio insulso fronte a rival ordenado. Cambio táctico, do 4-1-4-1 ao 4-4-2 habitual en menos de vinte minutos. Unha sóla ocasión, nun bo disparo de Jacobo que o meta visitante mandou a corner, e para iso houbo que esperar ata o minuto 36, e a habitual "caraja" colectiva que remata co balón no interior do portal granate na primeira (e única) chegada visitante, cun remate ao bordo da área pequena, sen necesidade de saltar sequera dada a pasividade dos dous centrais e as mans brandas do porteiro, que puido facer bastante máis.
Os visitantes souberon impoñer o ritmo que lles conviña, que era intentar que se xogase o menos posible, e o conseguiron sinxelamente porque os granates xogaban andando, como facendo opcións para perpetuar ese perigoso "sindrome" que parecía perseguilo nos choques fronte a equipos da zona baixa.
A volta dos vestiarios ofreceu outro Pontevedra. Foron cinco minutos intensos. Dúas ocasións e un gol, forxado nunha acción de raza de Caco. Pero o empate en lugar de dar ás volveu poñer cloroformo no partido. Os granates volveron xogar andando e os seus rivais, ben situados tacticamente, non pasaban o máis mínimo apuro. A bancada durmíase (e ata o palco -ver foto- aproveitaba para a sesta por aburrimento). Ata que chegan os cambios.
Santi Domínguez estrelou un penalti na cruceta
Sae Stefan e da súa loita empezan a contaxiarse os seus compañeiros. Logo Richi e Fran Fandiño, e o Pontevedra cambia. Tocaba a rebato e cun argumento tan simple como correr tanto ou máis que o contrario, o Dorneda empezou a sufrir. O árbitro sinala penalti nunha acción cando menos dubidosa, por mans de ÿlmer, pero Santi Domínguez, outras tardes salvador, non tiña o seu día. O dianteiro granate estrela o disparo na cruceta.
Era igual. O Pontevedra xa cría en si mesmo e na xogada seguinte, nun corner sucede o que tantas veces: os rivais preocúpanse dos altos (Stefan, Santi, Pablo e Sestelo) e deixan só o pequeniño, que de cabeza marca mesmo agachándose. Era unha forma de devolver a "cortesía" que antes tivera o equipo local. Richi culminaba a remontada e facía cambiar a decoración. Obrigado a abrirse, o Dorneda descubriu as súas carencias, para buscar o empate, e para manter a orde atrás. Stefan, Santi e Jacobo puideron ampliar a conta. Non sería xusto. Bastante castigo foi a derrota e excesivo premio para un Pontevedra ao que lle abondaron fulgores illados para gañar, pero non para convencer...
Fulgores e actitude...a que achegaron os xogadores que saíron dende o banco, contaxiando os seus compañeiros.
Para a anédocta queda o "despiste" do encargado do marcador electrónico, que reflectía ao termo do partido un curioso: Villalonga, 2 - Dorneda, 1...y é que á fin e ao cabo a tarde estaba para que as ideas quedasen conxeladas.
PONTEVEDRA, C.F. (2): Lloves (1); Adrián Gómez (1), Sestelo (1), Pablo (1), Nano (2); Caco (2); Jacobo (2), Cristóbal Juncal (1), Moisés (1), Tubo (1); e Santi Domínguez (1).
Substitucións: Stefan (3), por Caco, min. 61. Fran Fandiño (2), por Sestelo, min. 77. Richi (3), por Tubo, min. 77.
C.D. DORNEDA (1): Manu (2); Martín (2), Adrián (2), Dani (1), Juan (1); ÿlmer (1); Miche (1), Jordi (1), David Vidal (2), Chequi (2); e Efrén (2).
Substitucións: Dani Deza (1), por Efrén, min. 73. Liñares (s.c.), por Adrián, min. 83. Quintela (s.c.), por Miche, min. 93.
Árbitro: David Jovas Benavides, auxiliado nas bandas por Jorge Fujo Rodríguez e Carlos Alberto González Fernández. Colexio Galego (Vigo). Amoestou a Cristóbal Juncal, Stefan, Manu, Adrián, ÿlmer, Efrén e Chequi.
Goles: (0-1) Minuto 42: Centro de Chequi que remata de cabeza sen oposición Miche, coa colaboración de Lloves, ao que se lle coa o balón entre as mans. (1-1) Minuto 49: Jacobo fusila no segundo pau un centro de Caco, tras gran xogada do capitán granate. (2-1) Minuto 81: Richi, de cabeza á saída dun corner botado por Jacobo.
Incidencias: Campo Municipal de Pasarón. Uns 1.200 espectadores, na peor entrada da tempada..
VESTIARIOS:
CARLOS BRIZZOLA: Desgustado, e non era para menos, estaba o técnico visitante, porque lle escapara un partido que tiñan controlado: "Iso é o que lles acabo de dicir aos meus xogadores, que se nos escapou unha oportunidade de ouro para dar a sorpresa aquí e levarnos os tres puntos. Conseguiramos levar o partido ao punto que nos conviña, co marcador a favor e a xente crispada cos seus, pero non soubemos rematalo".
O adestrador do Dorneda esperábase a reacción granate: "Avisei no descanso que cos cambios nos ían meter atrás. O peso deste campo e o nome do rival causounos efecto, pero perdemos o partido en dúas accións evitables, unha delas un contraataque, cando iamos gañando e nos pillan, e a outra un corner no que remata o máis pequeniño, de cabeza. Foron dous desaxustes que nos custaron o partido, por iso estou desgustado, aínda que satisfeito polo rendemento dos meus xogadores"
MILO ABELLEIRA: A outra cara da moeda era o adestrador granate, visiblemente aliviado por lograr dar a volta ao marcador: "Dous minutos malos, cando tiñamos o partido controlado, custáronnos ir a remolque. O Dorneda soubo marcar o ritmo que lles interesaba e custounos moito remontar, pero así como outros días me queixaba que os homes que entraban non nos daban o que necesitabamos, hoxe si o fixeron e tanto Richi coma Fran ou Stefan, se seguen así, están a gañar un posto no equipo".
Para Milo, os últimos minutos foron moi bos "e mesmo puidemos marcar algún gol máis, aínda que logo nos faltou contundencia nun par de accións defensivas e pasamos algún apuro que debemos evitar no futuro,". Con respecto á visita ao Rácing a próxima xornada, Milo comentou: "Están moi fortes e goleando cada semana, pero imos a xogar as nosas bazas e intentar buscar a vitoria. Cos tres puntos de hoxe iremos máis tranquilos e dende logo confiamos en obter un bo resultado".