Pontevedra estréase nas andainas de longa distancia pechando a Copa Galega da modalidade
Por Redacción
Pontevedra incorpórase á Copa Galega de Andainas coa primeira edición de PonteAndar, un percorrido de 50 quilómetros que aproveita a privilexiada paisaxe dos arredores e ofrece unha magnífica alternativa de lecer para este sábado, día 27.
A saída, que pecha o calendario das oito probas que este ano compoñen a Copa Galega de Andainas, está programada para as 08.30 horas no Pavillón Multiusos da Xunqueira. O trazado aproveita o Camiño de Santiago ata o salto da Barosa, sobe ata o monte Acibal, baixa ata o Pontillón do Castro, segue polos montes de Verducido e Lérez e volve ao centro urbano pola senda fluvial.
Haberá tamén unha opción máis cómoda, de 20 quilómetros para os que busquen un reto máis sinxelo.
A chegada está prevista para as 20.30 horas.
O evento foi presentado este mércores polo concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, acompañado dos directivos do club A Roelo Manuel Beloso e Segundo Querejeta e do presidente da Federación Galega de Montaña, Adolfo Puch.
Agárdase a participación dunhas 200 persoas. Aínda é posible inscribirse ata as 22 horas de mañá, xoves, no sitio www.aromon.es.
As cotas de inscrición oscilan entre os 15 e os 10 euros en función da condición de federado ou socio do club A Roelo.
A andaina, que non é competitiva, inclúe cinco controis de paso con horarios máximos e mínimos establecidos para garantir que os participantes non corran nin vaian demasiado lentos. Todos os participantes deberán pasar nos horarios establecidos.