Irmandinhos da Estrada, vencedor do primeiro Trofeo Cidade de Pontevedra de fútbol gaélico
Por Redacción
O primeiro Trofeo Cidade de Pontevedra de Fútbol Gaélico marchou para A Estrada, despois de que o equipo de Irmandinhos se impuxese aos locais, o Pontevedra Fútbol Gaélico.
O tenteo final foi de 6-30 para os de Tabeirós nun partido que serve de preparación para a segunda tempada do conxunto lerezano, que volverá competir na Liga Galega.
Antes do partido central da xornada, abriron boca as rapazas cun torneo que supuxo a estrea do conxunto feminino do Pontevedra FG, aínda en formación, e que caeu por 5 a 48 cunha formación que contaba con xogadoras de Irmandinhas e de Mecas do Grove.
A xornada desenvolveuse no campo pontevedrés da Xunqueira II envolvido nun ambiente festivo.