Lolo Penas e a portuguesa Ercilia Machado, triunfadores da VII Carreira Pedestre de Campañó
Por Redacción & Diego Torrado
Campañó volveu acoller este sábado unha das probas máis intensas e atractivas do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra (CCCP). Era a sétima edición da súa carreira pedestre e, como é habitual, centos de persoas acompañaron os preto de 550 atletas que participaron este ano. Todos eles completaron os 9,6 quilómetros do percorrido nun grande ambiente deportivo, tanto dentro coma fóra do circuíto.
En categoría masculina, a vitoria foi para Lolo Penas, internacional español de 10.000 metros, que completou a proba en 30:03. Superou en tan só seis segundos a Robertas Geralavicius, atleta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra. O coruñés logrou impoñerse na liña de meta grazas a un tramo final de carreira onde mostrou a súa fortaleza física. Terceiro foi o portugués Carlos Costa, a 27 segundos do gañador.
O líder do CCCP, Iván Docampo, vencedor en tres das catro probas disputadas ata este fin de semana, só puido ser sexto nesta ocasión. Cruzou a liña de meta a 1:43 de Lolo Penas.
A grande dominadora da categoría feminina, pola súa banda, foi a portuguesa Ercilia Machado. Foi undécima na clasificación xeral, pero a máis rápida entre as atletas participantes. Completou os case dez quilómetros da proba en 33:43, tras dominar toda a carreira. Avantaxou en 47 segundos á segunda clasificada, a triatleta venezolana Joselyn Brea. Terceira foi a viguesa Ester Navarrete, que entrou a 58 segundos da atleta lusa.
En Campañó tamén houbo proba xuvenil, no seu caso sobre 3.200 metros. Os gañadores foron os vigueses Adrián Lago e Carmela Cardama, que completaron a proba en 10:15 e 11:02, respectivamente. Acompañáronos no podio Vicente Suárez e o pontevedrés Daniel Chamosa, na proba masculina; e Ángela Gónzalez e Eduarda Saavedra, entre as rapazas.
Tras a Carreira Pedestre de Campañó, ao CCCP só lle queda unha proba para concluír a tempada. Trátase do Medio Maratón de Pontevedra, que se disputará o próximo 19 de outubro.
Relacionadas:
-
Haberá terceira edición do Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra en 2015
Por Diego Espiño |
-
Máis de 1.000 atletas inscribíronse xa para a Medio Maratón de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Medio Maratón de Pontevedra modifica o seu percorrido pensando en achegarse aos 1.500 participantes
Por Redacción |
-
Campañó prepárase para a sétima edición da súa carreira pedestre
Por Diego Espiño |
-
Iván Docampo, máis líder do CCCP tras un cómodo triunfo na carreira do Santiaguiño do Burgo
Por Alejandro Espiño |