Fin de semana de xadrez na praza da Ferrería
Por Redacción
Ao redor de 400 xogadores en idade escolar participarán o sábado, durante toda a xornada, na sexta edición do torneo Pontexadrez, organizado pola Escola Xadrez Pontevedra.
Trátase do torneo de xadrez ao aire libre "máis concorrido de España", aseguran os organizadores, con xadrecistas chegados dende diversos puntos de España e Portugal.
A competición arrancará ás 11:00 horas e, tras unha parada á hora de comer, prolongarase ata que ás 18:30 horas se celebre a última e definitiva rolda.
Para completar o programa de actividades un día antes, o venres 19 dende as 17:00 horas, celebrarase o VI Xadrez na Rúa.
Ambos os dous eventos terán lugar na praza da Ferrería, que contará cunha carpa ante a previsión de que poidan producirse chuvascos durante algunha das dúas xornadas.
RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS
Ao igual que en pasadas edicións a Escola Xadrez Pontevedra anima os participantes e demais asistentes a que acudan á cita cun quilo de alimentos non perecedoiros coa intención de entregalos posteriormente ao Comedor Social de San Francisco.
A ilusión da organización é superar a cifra de 500 quilos de alimentos recadados o pasado ano.