O Pontevedra contra os seus propios fantasmas e ante un Dorneda en refacho
Por Ramiro Espiño
Coa obriga de sumar os tres puntos en xogo, o Pontevedra recibe a un Dorneda en refacho (domingo, 17.00 horas, en Pasarón), e coa sombra dos seus propios fantasmas voando pola mente dos seus seguidores, que confían en que dunha vez por todas os granates superen ese agarrotamento que parece entrarlles cada vez que en fronte teñen un rival da zona baixa da táboa.
A semana foi complicada para Milo Abelleira. Á baixo de Iago Paz, ao que non se quere forzar, e Pacheco, se uniron os problemas de Richi e Jacobo, con senllas escordaduras de nocello sufridas nos adestramentos. Pero no último ensaio efectuado na mañá do sábado no mesmo escenario do partido, a situación de ambos os dous mellorou notablemente, polo que o técnico decidiu incluílos na convocatoria, aínda que moi posiblemente empecen o partido no banco.
Milo estivo a probar diversas alternativas e variantes, tanto tácticas coma de xogadores, ensaiando cunha especie de "trivote" no centro do campo, con Caco por diante da defensa e Moisés acompañando a Cristóbal Juncal na creación, quedando as bandas para Fran Fandiño e Tubo, con Santi en punta. Outra posibilidade sería manter o 4-4-2 habitual, en cuxo caso Cristóbal ou Fran ocuparían unha banda, Tubo a outra, con Moisés e Caco no centro, para dar entrada a Stefan acompañando a Santi en ataque.
Así as cousas, o posible once inicial pode estar integrado por: Lloves, Adrián, Sestelo, Pablo, Nano; Caco; Fran Fandiño, Moisés, Cristóbal Juncal, Tubo; e Santi Domínguez, quedando Lorenzo, Breogán, Jacobo, Stefan e Richi, para o banco.
Para Adrián Gómez o partido debe servir para facer bo o punto sumado en San Lázaro: "Sabemos que os equipos aquí veñen máis motivados, pero nós temos que facer valer o punto que conseguimos fronte ao Compostela para poñernos nunha posición máis cómoda".
Pola súa banda Stefan, que podería volver dispoñer de minutos despois dalgunhas xornadas sen opcións, non se fía do rival: "Non podemos mirar a clasificación porque neste último mes sacaron máis puntos ca nós. O Dorneda está a xogar ben, péchase moi ben e vai ser difícil superalo. ÿ un rival perigoso e salga eu ou calquera compañeiro esperamos conseguir a vitoria. ÿ verdade que non estamos a render ben ante este tipo de equipos, pero confiamos en lograr que cambie o refacho".
En canto ao Dorneda, o seu técnico Carlos Brizzola non poderá contar coa importante baixa de Dapo, un centrocampista de gran despregamento físico e que está sancionado por acumulación de amoestacións. O conxunto de Oleiros, que despois dun comezo de tempada negativo está a conseguir recuperar terreo, leva catro xornadas sen perder (3 vitorias e un empate) e aspira a manter o ritmo ante un Pontevedra que sofre precisamente fronte a equipos da zona baixa da táboa.
Coa citada baixa, Brizzola podería ordenar un once formado por: Manu; Alfonso, Adrián Bouza, Dani Gómez, Juan, ÿlmer, Michi Castro, David Vidal, Efrén, Jordi e Chequi.
O partido será dirixido polo colexiado vigués, David Novás Benavides.