O Concello de Pontevedra patrocinará a Javier Gómez Noya durante os dous próximos anos
Por Alejandro Espiño
Primeiro foi Bea Gómez Cortés e agora Javier Gómez Noya. O deportista, que acaba de proclamarse por cuarta vez campión do mundo de tríatlon, asinará proximamente un contrato de patrocinio co Concello de Pontevedra. Así se acordou na Xunta de Goberno celebrada este luns. Recibirá 24.200 euros anuais durante os dous próximos anos, se ben o acordo é prorrogable por un ano máis.
Segundo o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, para todos os pontevedreses debe ser motivo de orgullo que se puidese asinar un contrato deste tipo con Gómez Noya, ao que cualificou como "mellor atleta galego de todos os tempos". Asegura que acumula méritos deportivos "máis que suficientes" e recordou que dende hai anos ten fixada a súa residencia en Pontevedra, cidade na que adestra de forma habitual.
O Concello de Pontevedra entende que vincular o seu nome co de Javier Gómez Noya mediante este contrato publicitario reportará beneficios a nivel de promoción turística e de proxección para a cidade. "Que leve o nome de Pontevedra cada vez que compita é un prestixio para Pontevedra", insistiu o edil nacionalista, que explicou que este diñeiro permitirá ao deportista manter o seu staff técnico durante estes dous próximos anos.
A cambio, entre outras contraprestacións, o Concello poderá usar a imaxe do triatleta para promover a cidade a nivel turístico e deportivo e en todas as competicións nas que participe levará a imaxe de Pontevedra. Ademais, en función dos seus compromisos deportivos e o seu calendario de adestramentos, deberá de estar dispoñible para participar en charlas e visitas aos colexios ou para calquera outra actividade que acorde o goberno municipal.
Raimundo González destacou, por último, a "impresionante" calidade humana de Gómez Noya, que adoita adestrar con deportistas pontevedreses e que colabora desinteresadamente na formación de triatletas de categorías inferiores. "A outros deportistas se lles está axudando doutra maneira", dixo, e co triatleta de orixe ferrolano optouse por esta vía ao entender que era a máis beneficiosa para ambas as dúas partes.
O PSOE NON ESTÁ DE ACORDO
Pero este contrato de patrocinio non foi ben visto por parte do PSdeG-PSOE, socio de goberno do BNG. Non polos méritos do propio deportista que, destaca Agustín Fernández, son incuestionables. Os socialistas entenden que este tipo de axudas son "discrecionais" e que se o Concello de Pontevedra quere patrocinar deportistas de elite se debería convocar un concurso público ao que puidese optar calquera atleta interesado.
O concelleiro de Deportes cre que en Pontevedra hai moitos outros deportistas de elite que poderían recibir tamén este tipo de apoio como ÿscar Graña, Álvaro Fernández Fiuza ou José Antonio Saavedra. Asegura que estas axudas poden supoñer un "agravio comparativo" con outros atletas de alto nivel que adestran na cidade, algúns dos cales, dixo, xa mostraron o seu malestar con contratos similares asinados no pasado.
Relacionadas:
-
Gómez Noya, distinguido nos Premios Nacionais do Deporte
Por Redacción |
-
Jacobo Moreira: "Si el PSOE quiso hacer alcalde a Lores, a lo hecho, pecho"
Por Natalia Puga |
-
Javi Gómez Noya: "Calquera triatleta sabe de Pontevedra. Somos un referente neste deporte"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Honras de campión para Javier Gómez Noya
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Suma e segue para Gómez Noya, campión do Mundo de medio Ironman
Por Redacción |
-
Cuarto título mundial para Javier Gómez Noya tras finalizar terceiro en Edmonton
Por Redacción |
-
Bea Gómez: "Río 2016 es mi objetivo más grande, pero me voy marcando otros más pequeños para no aburrirme"
Por Alejandro Espiño |
-
Concello e Bea Gómez asinan o convenio de patrocinio da nadadora
Por Diego Espiño |