Volta á normalidade para o Club Waterpolo Galaico
Por Redacción
Despois dunhas semanas de incerteza e de negociacións coa Fundación Rías do Sur o Club Waterpolo Galaico volveu esta semana á normalidade adestrando cos seus equipos cadetes, xuvenís e absolutos (masculinos e femininos) na piscina olímpica de Ponte Muiños.
A polémica separación do Club Natación Galaico provocara a falta de horas de piscina ao waterpolo uns días antes de iniciar a pretempada, que arrancaron exercitándose na praia de Mogor.
Agora os seus preto de 90 deportistas retoman os adestramentos, que inclúen sesións dos equipos benxamín e alevín na piscina de Campolongo e dende o próximo 15 de setembro os dos xogadores infantís no Centro Galego de Tecnificación Deportiva.
Con todas as categorías en marcha o Club Waterpolo Galaico Pontevedra abre agora o prazo para que todos aqueles nenos que desexen probar este deporte, a partir de 6 anos e co único requisito de saber nadar, poidan facelo. Os interesados poden informarse no teléfono 619.707.810 ou na páxina www.waterpolopontevedra.com.