O Waterpolo Galaico inicia a pretempada na praia ante a falta de piscina para adestrarse
Por Redacción
A falta de instalacións para adestrarse, o Club Waterpolo Galaico viuse obrigado a tirar de imaxinación mentres non soluciona os problemas derivados da súa separación do Club Natación Galaico.
Mentres este proceso continúa, o club tramita con Rías do Sur a cesión de horas de piscina para a presente tempada, un permiso que esperan obter a próxima semana.
Mentres tanto os equipos cadete, xuvenil, absoluto e feminino iniciaron a pretempada adestrándose na praia de Mogor, aproveitando que a climatoloxía o permite.
Así seguirán uns días, pero segundo recoñece Javi de Sáa todo está encamiñado despois das angustias iniciais tras coñecer a decisión do Natación Galaico de desvincularse da sección de waterpolo.
Con todo o coordinador do Waterpolo Galaico non pecha a porta a unha reconciliación: "esperamos que en el futuro cambien las cosas y podamos volver a unirnos, no lo descartamos", sentenciou.
Pola súa banda, os equipos benxamín, alevín e infantil empezarán os adestramentos o próximo luns, 8 de setembro, con total normalidade na piscina de Campolongo.