Vitoria de penalti (0-1) e con pouco fútbol na estrea ligueira do Pontevedra en Ordes
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño
Ausencia de fútbol e escasas oportunidades nunha primeira metade na que o Pontevedra daba sensación dunha superioridade máis aparente que real, pero con moitas lagoas, especialmente en ambas as dúas bandas, nas que nin Anxo nin Centrón aparecían, o que traía como consecuencia que Jorge xogase practicamente descolgado en punta a demasiada distancia dos seus compañeiros.
Deste modo, case media hora tardou en chegar a primeira xogada de perigo. Sería nun saque de banda de Adrián que prolonga Jacobo de cabeza, pero non chega Jorge. Na acción posterior Anxo perdeu unha boa oportunidade, tras a apertura de Mouriño, ao adiantarse lixeiramente caendo en fóra de xogo.
Foi como o detonante para que o partido espertase, se ben as poucas xogadas de perigo chegaban a balón parado. Así tivo a súa o Ordes, cun disparo de Julián, minuto 34, aproveitando un rexeitamento en curto da zaga visitante nunha falta, que rematou na travesa, como primeiro e único achegamento con perigo do conxunto de Nacho.
A resposta deuna Jorge case a liña seguido, cun remate tras servizo de Centrón, que permite lucirse a Mario, mandando o balón a corner. Logo sería Campillo, ao fío do descanso, quen remata con pouco ángulo unha falta botada por Centrón, pero Mario bótaselle enriba conseguindo desviar novamente á esquina.
Se a primeira parte non foi boa, a segunda non a mellorou en absoluto. Os granates incrementaron o seu dominio, pero diminuíron as súas ocasións de perigo.
Adrián inténtao de lonxe e Mario atrapa con problemas, en dous tempos (minuto 50). Pasarían máis de 20 minutos ata rexistrar o seguinte remate granate, de novo afastado. Esta vez por medio de Centrón, que atopa a resposta de Mario.
O Pontevedra dera entrada a Tomás, buscando ese último pase do mozo canteirán, pero tamén encomendara a súa sorte a un fútbol máis directo, menos elaborado. As distancias entre liñas seguían sendo grandes, malia que o Ordes deu un paso atrás, fiando a súa sorte á escasa profundidade visitante, e á posibilidade dunha contra que non chegaba.
Nesas estabamos cando un excelente envío de Pedro García chega aos pés de Centrón que solta un zapatazo, roza Mario mandando o coiro ao travesaño. O balón queda botando en metade do área e Cabrejo desvíao coa man. O asistente veo e indica ao colexiado o punto de penalti. Jorge non perdoa (minuto 81), enganando ao meta local.
Desde aí ata o final arreón do ÿrdenes, que foise arriba á desesperada con máis corazón que cabeza. Os granates sufriron, pero únicamente como consecuencia do curto do marcador, porque o certo é que os locais non crearon nin unha soa oportunidade de marcar en todo o segundo período.
SD ÿRDENES (0): Mario (2); Álex Castro (1), David Rei (1), Rendo (1), Cabrejo (1); Torres (2); Ángel (1), Souto (1), Julián (1), Juampa (1); e Abelenda (1).
Substitucions: Nacho (1) por Abelenda, minuto 71. Álex Blanco (s.c.) por Julián, minuto 82.
PONTEVEDRA CF (1): Edu (1); Adrián (1), Campillo (2), Pablo (2), David Feito (2); Pedro García (2); Anxo (1), Jacobo (1), Mouriño (2), Centrón (2); e Jorge (2).
Substitucions: Tomás (1) por Jacobo, minuto 66. Kevin Presa (s.c.) por Anxo, minuto 85. Fran Fandiño (s.c.) por Mouriño, minuto 91.
Árbitro: David Iglesias Melón (Vigo), auxiliado nas bandas por Daniel Álvarez Domínguez e Eduardo Rivera Gores. Expulsou con vermella directa ao xogador do ÿrdenes, Álex Castro, minuto 93, e ao seu adestrador, Nacho, minuto 85. Amoestou a Juampa, Torres, Abelenda, Souto e Cabrejo, polo conxunto local, e a Mouriño, polos granates.
Goles: (0-1) Minuto 81: Jorge, de penalti.
Incidencias: Campo Municipal de Vista Alegre (Ordes). Uns 300 espectadores, con presenza maioritaria de afeccionados visitantes.