Nino Mirón esixe a renovación total do Consello para dar o seu apoio a un candidato
Por Ramiro Espiño
A confirmación de Mauricio Rodríguez Boullosa de abandonar a presidencia do consello de administración do Pontevedra, en canto se culmine o proceso concursal en que está inmerso o club, abriu o debate sucesorio. Dende hai tempo vén soando con forza o nome de Lupe Murillo como candidata principal a instalarse na cadeira de brazos presidencial. Non obstante, esa candidatura aínda debe fraguarse, primeiro na aceptación da mesma Lupe, cuestión á que polo momento segue sendo remisa a admitir malia a colaboración que vén prestando, e despois polo novo mapa de distribución accionarial que quede configurado tras a próxima ampliación de capital que debe realizarse.
Algúns rumores apuntaban que o ex-presidente e aínda accionista maioritario, Nino Mirón, podería volver tomar as rendas do club, facendo valer unha maioría accionarial que aínda mantén, pero esa posibilidade pode descartarse por completo. Dende PontevedraViva quixemos pulsar a opinión do propio Mirón, quen rexeitou facer calquera tipo de declaración, non obstante fontes do seu ámbito máis próximo foron rotundas ao afirmar que "baixo ningún concepto Nino volverá á presidencia do Pontevedra".
As mesmas fontes apuntaban que o empresario estaría disposto a apoiar a candidatura de Lupe Murillo ou calquera outra "que nos ofreza garantías de seriedade e ben facer para sacar o club adiante e devolver o Pontevedra ao lugar que merece. Que volva xerar ilusión entre a afección, conseguindo ademais reparar a fractura social que se vive actualmente".
O máximo accionista entende que Mauricio Rodríguez non debe seguir en ningún outro cargo no club
Iso si, o devandito apoio ten unha condición especial: "queremos que haxa unha renovación total no Consello. ÿ necesario que chegue xente nova, con ilusións e ideas renovadas e ganas de traballar. Nino dará o apoio que lle concede o seu aínda maioritario paquete accionarial, se se produce un relevo total no consello,". Con respecto á posibilidade de que Mauricio Rodríguez seguise vinculado ao club en calquera outro cargo, no ámbito de Mirón non se valora sequera esa posibilidade como factible: "Non cremos que sexa boa idea. Fixo o traballo que se lle pediu e o mellor para o club e para todos é que deixe paso a outras persoas, manténdose absolutamente á marxe".
Nese sentido de renovación, Mirón inclúe o seu propio representante no consello, Evaristo Portela, que é moi posible que presente a súa dimisión na próxima xunta de accionistas: "Evaristo está canso e díxonos que quere deixalo -apuntan no ámbito próximo a Mirón-. Cremos que é bo que o faga para que dese modo a renovación que pedimos empece por nós mesmos. De momento non está pensado quen o substituirá, pero obviamente intentaremos que sexa unha persoa que, por riba de todo, queira o Pontevedra e coñeza algo o mundo do fútbol".
Mirón converterá en accións a débeda do club con el, pero o seu paquete accionarial reducirase ata o 42% do capital
Ademais, dende esas mesmas fontes confirmaron a PontevedraViva que Nino Mirón converterá en accións a débeda que o club mantén con el e que ascende a uns 400.000 euros, polo que, se se cumpren as previsións na próxima ampliación de capital, que será mixta, en caso de lograr a captación en efectivo de novas accións por un valor máximo de 150.000 euros, que é a cantidade para a que se solicitará autorización á Xunta xeral, rebaixarase a porcentaxe do paquete accionarial de Nino Mirón no club, pasando do 62% que ten actualmente a unha porcentaxe que roldará o 42%, co que Mirón perderá a maioría absoluta actual, pero seguirá mantendo unha cifra aínda máis que significativa que lle segue outorgando un peso relevante á hora da toma de decisións.