Jaime Santos vence no "II Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra"
Por Ramiro Espiño
Un empate na derradeira rolda fronte o cubano Arián González, foi suficiente para que Jaime Santos, de tan só 18 anos, inscribise o seu nome con letras douradas na historia do torneo de xadrez pontevedrés e adxudicásese o "II Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra". Con 6 vitorias e 3 empates, Jaime sumou 7.5 puntos, os mesmos ca o Mestre Internacional da Universidade de Vigo, Rafael Rodríguez, pero con mellor coeficiente de desempate.
O leonés Santos é unha das grandes esperanzas do xadrez nacional. Esta vitoria en Pontevedra confirma a súa espectacular traxectoria ascendente, e ven a mellorar o seu resultado do ano pasado no que xa quedará subcampión.
Jaime atopa no PonteCampus as condicións óptimas para desenvolver o seu mellor xadrez, rodeado polos mozos máis destacados do xadrez galego e nacional e cun corpo técnico de adestradores sen parangón en España.
A vitoria dun dos rapaces do PonteCampus supón a constatación do proxecto desenvolvido pola Escola Xadrez de Pontevedra, no que xunta o traballo de tecnificación coa organización dun evento internacional de alto nivel.
O podio completárono o Mestre Internacional Rodríguez, no segundo caixón, máis o Gran Mestre Lelys Martínez no terceiro.
O Gran Mestre serbio, Dragan Paunovic non puido revalidar o título e finalizou na décima posición con 6.5 puntos, os mesmos co seu compatriota Barlov que foi sétimo.
Tamén con 6.5 puntos, topamos os galegos, Julio Suárez, vixente Campión de España sub 18, máis o Gran Mestre Lariño, oitavo e noveno respectivamente. Ambos xogadores foron os protagonistas da exhibición celebrada no entorno da Basílica de Santa María, como peche do festival de xadrez que acolleu por máis de 15 días a moitos dos mellores xogadores de España máis a importantes figuras da elite internacional.
Na loita pola clasificación feminina, Iria Ares levouse o gato a auga, adiantando no último alento a Mestra cubana Yaniela Forgas. No premio ó mellor veterano non houbo sorpresa, pois o xogador inglés, Philip Adams confirmou a súa vitoria. Entre os locais, o primeiro clasificado foi Alberto Portela, que disputou un torneo fortísimo no que se enfrontou cun total de cinco xogadores titulados. Con 5,5 puntos rematou no decimo sétimo posto e cunha suba de case 50 puntos ELO no listado internacional.
Coa suma das categorías especiais, Candidato a Mestre, Afeccionado máis as de base repartíronse un total de 42 premios. De novo a Escola Xadrez de Pontevedra copou os primeiros postos das categorías de base, salientando o papel dos irmáns Martínez Montes, campión da sub 8 e sub 10.
Un dos momentos máis sentidos, chegou coa entrega do Premio Ramón Escudeiro á mellor partida de ataque. Moitos aspirantes buscaron a inspiración que lles permitise homenaxear no taboleiro o ilustre xadrecista da Escola Xadrez de Pontevedra e non llo puxeron nada doado ó xurado. Finalmente foi parar a mans do galego Lucas Abal Cores, por unha partida na que se lanzou contra o rei inimigo, sacrificando varias pezas e demostrando unha forza de cálculo extraordinaria.
Relacionadas:
-
Fin de semana de xadrez na praza da Ferrería
Por Redacción |
-
Mozos mestres do xadrez amosan o seu talento na Praza de Santa María
Por Redacción |
-
O II Torneo Internacional de xadrez chega ao seu ecuador co local Alberto Portela na cabeza
Por Redacción |
-
ÿxito de participación no II Torneo Internacional de Xadrez Cidade de Pontevedra
Por Redacción |