Medio millar de participantes na IV Ruta BTT do Club de Montaña Xesteiras
Por Redacción
Máis de 500 participantes tomaron a saída na cuarta edición da ruta en bicicleta de montaña organizada polo Club de Montaña Xesteiras, en Cuntis. A proba, de carácter non competitivo, celebrouse o domingo na contorna do municipio termal. O percorrido, de 36 quilómetros e cunha dificultade media-alta, partiu da praza das Árbores e estendeuse polos camiños forestais da vila. Ademais, houbo unha ruta máis sinxela e outra de sendeirismo de 14 quilómetros. Os participantes chegaron a vila cuntiense dende toda Galicia e mesmo de León, Zaragoza, Murcia ou País Vasco.
Dende o club organizador destacan a alta participación acadada nesta cita que pretende fomentar o deporte e dar a coñecer a vila cuntiense. O seu tesoureiro, Jorge Abal, sinala que o obxectivo "non é premiar ao primeiro clasificado senón pasa-lo ben facendo unha actividade saudable ao aire libre".
Entre profesionais e xente afeccionada ao ciclismo houbo premios para os participantes de maior e menor idade, e para o visitante chegado dende máis lonxe. Foi o caso dun ciclista de Murcia que aproveitou para gozar duns días de turismo na zona, e quen, segundo Abal, quedou encantado co percorrido.
A marcha transcorreu con total normalidade malia que a chuvia e a néboa ameazaron a realización da proba nas primeiras horas da mañá. Con todo, os participantes puideron realizar a marcha que contou coa supervisión de numerosos voluntarios do club e membros de Protección Civil nos puntos máis complexos. Abal ten moi claro que repetirán a iniciativa o ano que vén e recoñeceu que sería imposible realizar esta proba sen os apoios prestados polos patrocinadores, coma o Balneario de Cuntis, quen ademais, patrocina o novo equipamento dos membros do club ciclista.