Máis de 100 parellas no Trofeo Cidade de Pontevedra de Baile Deportivo
Por Diego Espiño
O Pavillón Municipal acollerá o vindeiro domingo a duodécima edición do Trofeo Cidade de Pontevedra de Baile Deportivo, Open Internacional Standar e Latino. Unha cita que para un dos organizadores, Miguel Abreu, segue en ascenso ano a ano, "levar 12 anos fai que sexa o evento máis consolidado en Galicia".
Abreu reivindica unha disciplina recoñecida xa polo Comité Olímpico Internacional e o Consello Superior de Deportes, "agora estamos en trámites de crear unha federación galega unha vez que obtivemos o permiso da Xunta".
A competición desenvolverase o domingo 1 de decembro dende as 12:00 horas cunha participación que roldará as 120 parellas nas diferentes categorías e idades. A entrada custará 6 euros.