O venezolano Carlos Enrique Pérez dá a sorpresa e vence nunha +10 Marín pasada pola auga
Por Redacción
Nin Iván Docampo nin Elías Domínguez. Ningún dos dous grandes favoritos, que prometían un duelo ao grande, se fixo coa vitoria na terceira edición da carreira popular +10 Marín, que superou este ano os 1.000 participantes. O triunfo final foi para o venezolano Carlos Enrique Pérez, un atleta recén chegado a Galicia. Compartiu as honras con Ester Navarrete, que venceu con autoridade na categoría feminina.
Dende os primeiros instantes da carreira, Iván Docampo, Elías Domínguez e un inesperado Carlos Enrique Pérez impuxeron un alto ritmo á proba, manténdose xuntos ata o quilómetro nove. Foi aí cando o venezolano, que chegou hai un mes a Pontevedra para adestrar o tríatlon con Omar González, acelerou e conseguiu chegar o primeiro a meta en 31:12. Segundo foi Docampo a 4 segundos e terceiro o vigués a 10 segundos.
Na proba feminina, Ester Navarrete marchou en solitario dende un primeiro momento e gañou sen paliativos cunha marca de 35 minutos e 28 segundos. Converteuse na primeira atleta que vence en dúas ocasións a +10 Marín. En segundo lugar rematou Leticia Fernández, que conseguiu ir de menos a máis, finalizando a 1:08 de Navarrete. Completou o podio a venezolana Natasha Farias que, como curiosidade, é noiva do vencedor masculino.
Antes da carreira absoluta viviuse o momento máis emotivo da noite. Sete nenos entregaron outras tantas rosas brancas aos familiares dos afectados o pasado inverno polos temporais, nunha homenaxe á xente do mar. Ademais, unha coral interpretou a Salve Marinera. Así mesmo, tamén Elías Domínguez, número número 1, recibiu a súa propia homenaxe. O seu fillo fíxolle entrega dunha rosa e a organización obsequiouno cun número personalizado.
O espectáculo da +10 Marín comezou arredor das oito da tarde, cunha máster-class de zumba en plena Alameda. A continuación, ademais de empezar a chover, tamén empezaron as carreiras de menores. En total, 428 nenos atrevéronse a calzar as zapatillas, o que obrigou a facer mesmo máis dunha carreira por categoría. Dende os recén nacidos ata algún campión galego buscaron a vitoria na avenida Ourense.