Un bronce e grandes sensacións para o Natación Galaico no Campionato de España Infantil
Por Redacción
Bo sabor de boca o deixado polos nadadores do Galaico no Campionato de España Infantil de Verán celebrado a pasada fin de semana en Barcelona.
O equipo pontevedrés desprazou seis nadadores á cita e logrou finalizar na oitava praza por equipos na categoría feminina.
A deportista lerezana máis destacada foi Águeda Cons, subindo ao podio nos 800 libre ao finalizar terceira cun tempo de 9:13.18. Ademais Águeda sumou un cuarto posto nos 400 libre, un sexto nos 400 estilos e unha décima praza nos 200 estilos.
Preto das medallas quedouse Nuria Erselle ao concluír cuarta nos 800 libres, quinta nos 100 costas, sexta nos 200 libre e sétima nos 100 libre.
Pola súa banda Inés Gómez logrou un meritotio quinto lugar nos 800 libre e un décimo nos 200 libre.
Estas tres nadadoras, xunto a Sheila Moldes, participaron tamén nos relevos 4x200 e 4x100, cun cuarto e un quinto posto respectivamente.
En canto á participación masculina, Juan David Hernández logrou a sexta praza nos 200 braza e Daniel Sánchez a novena nos 100 costas.