Os piragüistas pontevedreses, protagonistas do Campionato de España Promesas de Verducido
Por Redacción
Galicia pechou o Campionato de España de Piragüismo Promesas disputado a pasada fin de semana no encoro de Pontillón do Castro, Verducido, con 35 medallas nas diferentes categorías e gran protagonismo de deportistas e clubs pontevedreses.
Con máis de 800 padexeiros e un total de 85 clubs, a competición disputouse nas modalidades de K-1, K-2, K-4, C-1, C-2 e C-4 na distancia de 1.000 metros.
O mellor club galego foi As Torres de Catoira, segundo na xeral, co Ciudad de Pontevedra na quinta praza cos ouros no C-2 cadete feminino e C-2 infantil A masculino, o triunfo de Antía Jacomé en C-1 cadete B e o bronce de Isabel Noya en categoría cadete.
Ademais entre os 20 mellores clubs situáronse Verducido Pontillón (10º), Portonovo (14º), Pontecesures (15º), Breogán do Grove (16º), Club Naval de Pontevedra (19º) e Illa de Arousa (20º).
As medallas para os piragüistas do Verducido foron para o K-4 infantil masculino (ouro), K-2 infantil B feminino (prata), Raquel Torres en K-1 infantil B (prata) e Samuel Villanueva en K-1 infantil A (prata).
Pola súa banda no Portonovo colgáronse o ouro o K-2 infantil A masculino e Francisco Silva no K-1 infantil A e a prata Laura Outón e Vicente Luis Rodríguez en categoría cadete.
Tamén se subiron ao podio o C-2 infantil B masculino do Muíño de Ribadumia e o seu piragüista Manuel Fontán con senllos ouros, Carla Sieiro (Club Naval Pontevedra) cunha prata no K-1 cadete, Pablo Rodríguez (Piragüismo Poio) cun bronce no C-1 cadete B e o equipo infantil masculino do Breogán do Grove cun terceiro posto no C-4.