Brais Canosa e a venezolana Joselyn Brea logran a vitoria no IV Tríatlon Concello de Poio
Gran parte dos mellores triatletas galegos déronse cita este domingo no Porto de Campelo para participar no IV Tríatlon Concello de Poio, unha proba que xa está consolidada no calendario autonómico deste deporte. Nel non houbo sorpresas e as vitorias nas categorías masculina e femenina foron para dous dos favoritos, Brais Canosa (Arcade Inforhouse) e Joselyn Brea (Tri-Penta Terras de Lugo), respectivamente.
O dominio do Arcade Inforhouse foi absoluto na proba masculina. Brais Canosa foi o máis regular, facendo unha proba case impecable. O segmento de natación foi o peor do triatleta galego, que a pesar de ocupar a quinta posición, chegou a un minuto de distancia do primeiro clasificado. Moito para remontar, pero no ciclismo sentiuse moi cómodo e fixo o mellor tempo e recuperou todo o perdido e máis, para poñerse como líder.
Na carreira a pé confirmou a súa superioridade e chegou á meta na primeira posición cun tempo de 56:05. Segundo clasificado foi o seu compañeiro de club Alberto Castiñeira (57:16) e terceiro, Sergio García (57:32), tamén do Arcade.
Pola súa banda, na categoría feminina tampouco houbo sorpresas. A triatleta venezolana partía como gran favorita, pero encontrouse coa súa compañeira de club, Irene Serrat, que loitou polo triunfo ata o final. Na natación foi mellor Jocelyn Brea, pero na bicicleta a viguesa foi a máis rápida e logrou poñerse por diante.
Así, todo chegou moi igualado á carreira a pé, na que Brea decidiu ao seu favor. Desta forma, primeira posición para a venezolana cun tempo de 1:09:19, mentres que Irene Serrat foi segunda (1:09:28) e terceira, Sonia Pariente (Tríatlon Morrazo) cun tempo de 1:11:17. Iris Soto, do Tríatlon Galaico Cidade de Pontevedra, foi sexta na xeral a 5:37 da gañadora.
O resto dos resultados do Tríatlon Concello de Poio foron os seguintes:
- Cadete: Iago Sobreira (Atletismo Porriño).
- Júnior: Irene Serrat (Tri-Penta Terras de Lugo) e Alberto Castiñeira (Arcade Inforhouse).
- Sub 23: Joselyn Daniela Brea (Tri-Penta Terras de Lugo) e Tomás Olavarria (Tri-Penta Terras de Lugo).
- Veteranos 1: Paloma Herbello (Arcade Inforhouse) e José Luís Torres (Cidade de Lugo Fluvial).
- Veteranos 2: Andrés López (Monte Abaixo).
- Clubs: A.D. Fogar (feminino) e Arcade Inforhouse (masculino).
O tríatlon de Poio disputouse na modalidade de sprint, con 750 metros de natación no mar, con saída dende o Porto do Campelo. A continuación os participantes realizaron 20 quilómetros do segmento de ciclismo e finalizaron coa carreira a pé de 5 quilómetros.
Na proba popular, sobre a distancia de minisprint, os participantes nadaron 300 metros pola ría de Pontevedra, percorreron 10 quilómetros sobre a bicicleta e concluíron a proba con 1,6 quilómetros de carreira a pé. Os gañadores foron Vanessa Verdejo (Club Ciclista Riazor) e Rubén Martínez Rosales.
Os resultados completos do IV Tríatlon Concello de Poio pódense consultar neste enlace.