Relevo na delegación da Federación Galega de Atletismo
Por Diego Espiño
O novo delegado pontevedrés da Federación Galega de Atletismo, Raúl Bretal, traballa xa na posible organización na cidade de polo menos un campionato galego na presente tempada, ao que poderían seguir competicións de maior nivel, "intentaremos na 2013-2014 organizar algunha proba a nivel nacional. Comezamos hai un mes e medio a traballar con ese obxectivo e coa intención de seguir a labor de Carlos".
Bretal, xuíz de atletismo, xa participaba activamente na delegación con Carlos Cerviño á fronte. Cerviño, logo de cinco anos ao mando na súa segunda etapa, apártase da primeira liña por motivos familiares, "creo que fixemos unha labor importante para estender o atletismo pola provincia".
A substitución escenificouse oficialmente nun acto celebrado no Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.