Gonzalo Carró, novo xogador do Teucro: "Conozco a casi todos mis compañeros, no me costará mucho adaptarme"
A Sociedad Deportiva Teucro presentou este xoves á súa última fichaxe para a próxima tempada. Trátase do pivote coruñés Gonzalo Carró, coñecido deportivamente como 'Chalo'. Chega do Academia Octavio e asinou por dúas tempadas. O propio xogador sinalaba que, a pesar dunha serie de "tiras y aflojas" na negociación, estaba convencido de xogar en Pontevedra porque "me interesaba mucho la oferta".
Asegura que a adaptación ao equipo "no creo que me cueste mucho", xa que contará de novo con Quique Domínguez como adestrador, ao que agradeceu "que siempre haya confiado en mí". Cre que coñecer o sistema de xogo que formula o técnico axudará á súa integración no Teucro, equipo do que afirma coñecer gran parte do equipo porque "muchos de ellos fueron compañeros en la selección gallega".
Gonzalo Carró prefire non se marcar un obxectivo claro para esta tempada, máis alá de lograr a permanencia na División de Honra Prata. "Tenemos un equipo competitivo, pero hay que ir poco a poco", sinalou na súa presentación. A iso engadiu que este ano a categoría ten unha gran dose de "incertidumbre" debido aos ascensos e descensos. "Es una liga muy rara, es difícil, muy dura y con viajes largos", resumiu.
Moitos ven nel o substituto natural de Tomás Moreira, xogador que deixou o Teucro para fichar polo BM Villa de Aranda de Liga Asobal, pero 'Chalo' rexeita esa comparación. "Somos diferentes. Yo aporto más en defensa que en ataque", explicou. "De hecho lo que busco es no estancarme y dar un paso más en ataque". Reiterou que ambos os dous teñen un estilo de xogo "que no es el mismo" polo que asegura que "no tengo la presión de venir a sustituirle".
EQUIPO PECHADO
Con esta fichaxe, a SD Teucro dá por pechado o seu equipo para a próxima tempada "salvo que se ponga a tiro un mirlo blanco", sinalou o presidente da entidade. Coas novas incorporacións, cinco en total, segundo Carlos García-Alén "hemos tratado de cubrir los puestos de los que no han renovado". Asegura que o club está satisfeito co equipo creado co que o obxectivo será manter a categoría, sen descartar chegar a xogar o playoff de ascenso.
O equipo azul estará integrado polos porteiros Iago Gómez (procedente do Xiria) e Ricardo Amérigo (procedente do BM Villa de Aranda); os extremos esquerdos Carlos García, César Amán e Iván Fernández; os laterais esquerdos David García Pichel e Víctor Rodríguez; os centrais David Chapela e Borja Pedreira; os laterais dereitos Dani Hernández (procedente do Octavio) e Carlos Pombo; os extremos dereitos Edu Moledo (procedente do Octavio) e Alejandro Pombo e os pivotes Marcos Dorado e Gonzalo Carró, 'Chalo'.
Ademais destes 15 homes, Quique Domínguez tamén contará dende o inicio da pretempada con seis xogadores das categorías inferiores do equipo.